Crearán unha app para avaliar o desenvolvemento motriz na infancia

Investigadores da UVigo e da USC subliñan que o movemento das crianzas é fundamental para unha vida adulta saudable
Cristian Abelairas, Cristina Varela, Ezequiel Rey e Geno Rodríguez, investigadores no proxecto. DUVI
photo_camera Cristian Abelairas, Cristina Varela, Ezequiel Rey e Geno Rodríguez, investigadores no proxecto. DUVI

Investigadores das universidades de Vigo (concretamente da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte) traballan no deseño dunha aplicación informática que permita avaliar o grao de desenvolvemento das habilidades motrices básicas na infancia, segundo informou o Duvi.

Aprender a moverse, a correr, saltar ou lanzar unha pelota correctamente durante idades temperás pode resultar clave para que as persoas leven un estilo de vida máis activo e saudable na etapa adulta. De aí a importancia que ten a súa correcta adquisición e desenvolvemento. "Existe un nexo de unión entre un estilo de vida saudable e canto de ben se desenvolvesen esas habilidades motrices básicas na infancia", sinala Ezequiel Rey, profesor de Ciencias da Educación e membro do grupo de investigación Remoss, do que tamén forma parte o docente da USC Cristian Abelairas, integrante así mesmo do grupo Clinirsud. Ambos exercen como investigadores principais neste proxecto, seleccionado na convocatoria Retos de la sociedad, do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, do que tamén forman parte o coordinador do grupo Remoss, Roberto Barcala, e a investigadora do grupo Cristina Varela, xunto coa profesora da USC Carmen Neiro e Geno Rodríguez, investigador do grupo Esculca da institución compostelá.

Alfabetización motriz y estilos de vida saludables. Desarrollo de una herramienta informática de la competencia motriz en niños y niñas en Educación Primaria é o título dun proxecto que ten como punto de partida o concepto de "alfabetización motriz", un proceso análogo ao da aprendizaxe dunha lingua. O seu "piar básico" constitúeno "os patróns fundamentais de movemento que temos todos os humanos que non padecemos ningunha patoloxía", explica Rey. Son camiñar, correr, saltar, agarrar ou lanzar, que, engade, "non adquirimos polo mero feito de cumprir anos, senón grazas á práctica, ao xogo libre, ás clases de educación física, a unha instrución cualificada e a utilización dun material didáctico adecuado".

DE DOUS A NOVE ANOS. Estas habilidades agrúpanse en tres grandes grupos: as locomotrices, "que nos permiten desprazarnos polo espazo", as manipulativas, "todas aquelas que implican o control de obxectos móbiles", e as de estabilidade, "que nos permiten manter ou recuperar o equilibrio".

Entre os dous e os nove anos sitúase a etapa "na que máis capacidade temos de lograr aprendizaxes motrices que logo perduren ao longo da nosa vida" e na que as crianzas aprenden estas habilidades "e as perfeccionan ata alcanzar un estadio de madurez", sinala Rey. De aí que este proxecto poña o foco na infancia, xa que o correcto desenvolvemento destas habilidades contribuirá a xerar "actitudes positivas cara o exercicio físico". Pola contra, aqueles que non as adquiran correctamente "probablemente terán actitudes negativas" cara actividades que impliquen, por exemplo, correr, saltar ou lanzar unha pelota, á vez que terán maiores dificultades á hora de integrarse no xogo infantil. Deste xeito, é máis probable que estes nenos opten por "ocupar o seu tempo de ocio con outro tipo de alternativas que probablemente sexan máis inactivas", o que á súa vez "ten unha transcendencia sobre a vida adulta, na que é máis probable que esta persoa teña problemas de saúde asociados á inactividade física polo mero feito de que ninguén lle ensinou a moverse ben".

De aí que o propósito deste proxecto sexa contribuír a traballar na mellora desas habilidades motrices" desde as "idades máis temperás", dotando ao profesorado de Educación Física dunha ferramenta que permita avaliar esas habilidades e, en consecuencia, "programar actividades para a súa mellora", cando sexan necesarias.

"Un dos piares básicos para a mellora destas habilidades é a súa avaliación, coñecer cando se acada un grao de mestría, cando se pode considerar que un neno se move correctamente e outro non".

Tres anos. Unha ferramenta para colexios e deporte base
Por iso a primeira fase deste proxecto, de tres anos de duración, está centrada nunha revisión da literatura científica para coñecer que tipo de probas poden empregarse para esta avaliación. A segunda será definir unha serie de probas que permitan avaliar o grao de desenvolvemento destas habilidades, para trasladalas a unha aplicación informática que poida ser empregada por profesorado de Primaria nas aulas. Permitiríalle levar un rexistro,ver a efectividade dos seus programas e detectar aqueles casos de nenos que necesitarían reforzo nalgunha habilidade clave.

Unha vez desenvolta esta aplicación, que tamén podería ser útil para os técnicos de escolas deportivas de base, a última fase do proxecto centrarase en pór a proba este sistema "cunha mostra representativa de escolares galegos".

Comentarios