Cuarto día da folga de fame de Batallán en protesta pola súa xubilación

O cantautor deixou de comer para denunciar os recortes en sanidade e o seu retiro forzoso, denunciado no Supremo

Luis Emilio Batallán, el martes en el sofá de la sala de espera donde se encuentra desde el lunes. CHRISTIAN FERNÁNDEZ
photo_camera Luis Emilio Batallán, o martes no sofá da sala de espera onde se atopa desde o luns. CHRISTIAN FERNÁNDEZ

Luis Emilio Batallán, médico e cantautor compostelano, cumpre este xoves o seu cuarto día de folga de fame en protesta pola súa xubilación e en defensa da sanidade pública galega. Critica os recortes aplicados polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao que define como "un burócrata austericida sen alma".

Con esta acción reivindicativa pretende defender "a dignidade dos profesionais da sanidade, que están traballando nunhas condicións lamentables", protesta que enlaza directamente coa súa xubilación forzosa en 2013 aos 65 anos, antes de que se permitise o retraso da idade ata os 68. Batallán era médico no centro de Atención Primaria de Moraña, posto do que foi obrigado a retirarse a raíz do Decreto da Xunta que impediu a prórroga da carreira dos facultativos máis alá dos 65 anos. "Botáronnos a uns 700 compañeiros, aquilo foi un Ere encuberto, unha trampa", asegura.

Esa decisión foi recorrida polo facultativo, primeiro ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que o rexeitou, e despois ante o Supremo, que tras ano e medio non resolveu aínda.

O cantautor explica que a súa folga de fame é "unha chamada de atención á Xunta e ao poder político de que isto non pode seguir así", unha reivindicación á que chegou polo "cansazo e o cabreo xa con esta situación". O coñecido músico, autor de clásicos como Quen puidera namorala e do que é o disco galego máis vendido ata o momento, Aí vén o maio, atópase realizando o seu encerro voluntario na sede do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra. Non se amosa disposto a dar ningún paso atrás porque pretende que a súa acción se convirta nun "xesto simbólico que axude a mudar as cousas".

Xa o mércores, no seu terceiro día de folga, Batallán amosaba un aspecto moi debilitado, e é consciente de que non pode prolongar a súa protesta física máis alá de dúas semanas.

Actualmente a Consellería de Sanidade permite aos facultativos retrasar a idade de xubilación ata os 68 anos.

Comentarios