"Para cubrir unha guerra non fai falta ser dunha pasta especial, de feito eu non a tiña"

Xoán Freire cubriu a Guerra do Golfo para a TVG hai 30 anos
Xoán Freire. PEPE FERRÍN
photo_camera Xoán Freire. PEPE FERRÍN

O mundo parouse no mes de xaneiro de 1991 cando Estados Unidos, ao mando dunha coalición internacional na que estaba España, decidiu atacar Irak logo de que Sadam Hussein invadise Kuwait. E alí estaba o xornalista lucense Xoán Freire.

Pasaron xa 30 anos, pero esas cousas non se esquecen...
Non, sobre todo cando é a primeira vez que fas ese tipo de reportaxes: un traballo en zona de crise, aínda que outros falan de reporteiros de guerra, pero a min paréceme excesivo ese termo.

Cantos anos tiña entón?
Tiña 27, xa choveu...

Onde estaba cando empezou a Tormenta do Deserto?
Nós fomos a Bagdag coa Forta (federación de televisións autonómicas), que daquelas traballaba moi ben. Alá había un equipo catalán e decidiron mandar desde aquí máis xente. Eles daban o apoio de cámara e eu, por exemplo, facía unha crónica para a TVG e outra en castelán para Canal Sur e Telemadrid. Chegamos a Bagdag o 7 ou 8 de xaneiro e o ataque foi o día 17.

Deulles tempo a coñecer como era Bagdag?
Neses dez días estivemos traballando, mandando crónicas e facendo reportaxes sobre como vivía a xente o conflito. A maioría dos iraquís non crían que os foran bombardear. Bagdag era una cidade moi bonita, aberta, a xente era moi accesible. Tiñamos uns intérpretes e con nós ía un membro do Exército iraquí para controlarnos, pero como eramos televisións de pequeno calado non se metían moito no noso traballo, aínda que esas cousas sempre cortan á xente a que estás a entrevistar.

Tiña fama de ser un pobo moi educado, moi amable...
E moi avanzado, alí a relixión non era tan visible. Era un país laico daquela; iso si, tiña un réxime de partido único liderado por un tipo que era un animal, pero a xente era a máis occidental da zona; máis que a de Arabia Saudita ou Alxeria, por exemplo... traballamos moi a gusto, pero de súpeto chegou ese día...

Como viviron o momento en que empezou a guerra?
O Goberno chamou á TVG e a min chamoume o meu produtor para dicirme que saíra dalí, que ían atacar, pero isto tres horas antes, e de noite... A onde queres que vaia de noite por un país que non coñezo? Era máis perigoso intentar saír de noite que esperar polo bombardeo.

Entón o primeiro bombardeo pillouno no hotel...
Si, si... no Hotel Al Rashid, que era onde estaba parte da prensa estranxeira; Peter Arnett, da CNN, Ángela Rodicio, de TVE... Cando empezou a bronca viñamos de ter unha reunión todos os xornalistas españois para decidir se nos quedabamos ou non... Manu Leguineche, Alfonso Rojo... Desde España querían que evacuaramos todos xuntos, pero houbo unha discusión bastante bronca e ao final a Forta decidiu machar, porque non iamos poder traballar nin emitir, xa que o primeiro que ían cortar eran as comunicacións, como así foi. Non se chegou a ningún acordo conxunto e outros xornalistas decidiron quedar. Cando acabou a reunión fomos para as habitacións e foi entón cando empezou o ataque.

"En Kosovo, o cheiro dos campos de refuxiados no paso fronteirizo era algo fastidiado"

Asusta ver iso?
Foi peor o día seguinte. Esa noite estabamos nas habitacións e chamáronnos para que foramos ao refuxio do hotel. Á mañá seguinte o produtor de TVE, creo recordar, conseguiu un autobús, non sei como, e púxoo a disposición dos xornalistas españois que quixeran saír. Ao final saímos xa tarde e a noite pasámola na estrada, cando xa estaba en marcha o segundo bombardeo.

Foi aí cando pasaron máis medo?
Foron os momentos máis complicados porque o problema era a poboación, que estaba armada. Recordo que saímos da estrada e paramos nun pobo para protexernos dos bombardeos e alí había xente nova disparando con Kalashnikovs aos avións. Imaxina que panorama. Iso facíano a un metro de nós e era moi perigoso porque se lles podía escapar unha ráfaga. Aquilo era unha barbaridade. Depois lembro que tivemos que pasar a noite na fronteira e ao día seguinte entramos en Xordania. Todo isto sen que ninguén soubera de nós. En España ninguén sabía onde estabamos. As familias sufriron moito.

Hai que ser dunha pasta especial para vivir algo así?
Non, non, eu non a tiña... tenche que gustar. Eu sempre tiven claro que nesta profesión gústame contar as cousas que lle pasan á xente nas situacións máis extremas, e non hai nada máis extremo que unha guerra. Sempre está ben collerlle o pulso á xente, saber que pensa, como sofre...

Despois xa seguiu vostede o conflito desde Xordania?
Estiven alí tres ou catro días, porque nós tiñamos remudas. A TVG tiña dous equipos. Un ía a Bagdag, o noso, e o outro a Israel. A min relevoume Ana Expósito, que tamén é de Lugo, e logo xa non puiden reenganchar, non lembro por que.

"Había xente nova disparando kalashnikovs"

Estivo en máis guerras?
Estiven en Kosovo cando entraron os ingleses na fronteira con Macedonia.

Foi distinto ao de Bagdag?
Foi peor, porque alí había refuxiados e chegaban en moi malas condicións. O cheiro dos campos de refuxiados no paso fronteirizo era algo fastidiado... a xente sufría moito... foi moi duro.

É moi distinto un xornalista de guerra a outro que traballa na redacción?
Eu sempre digo que un xornalista ten que contar o que ve o mellor posible e da mellor forma. Tes que valorar o que é importante. Nós tiñamos a perspectiva da xente e era o que faciamos, falar con ela. Moitos iraquís non estaban de acordo coa invasión de Kuwait e outros dicían que era parte do país... Aquela zona foi trazada polas potencias coloniais e é moi complicada.

Aquela guerra ao final non valeu para moito...
Non, o certo é que quedou todo como estaba. Demostrouse que o que valía era o petróleo que había en Kuwait.

"A idade no é un problema, Manu Leguineche estaba en Bagdad a piques de xubilarse"

Xoán Freire hai tempo que non cubre un conflito como a guerra do Golfo ou o de Kosovo, pero aínda lle corre sangue novo polas veas.

Con 27 anos non o pensou á hora de viaxar a Bagdag, pero agora, coa perspectiva do tempo, volvería facelo?
Mañá mesmo marcho, déixame coller o pasaporte e mañá marcho. Non é problema de idade. A min non se me acabaron as ganas de traballar nesta profesión se o que fago me enche. Xa che contei que alí estaba Manu Leguineche a punto de xubilarse. Non é un problema de idade.

E se un fillo seu lle di que quere cubrir unha guerra?
Pois adiante, fíxenllo aos meus pais, non podo facer o contrario cun fillo. Aos meus pais non lles gustou, pero sabían que era o que eu quería e que ía facelo, non había outra opción. Ter coidado e nada máis.

Comentarios