Opinión

Cultura envasada

O TEMPO pasa e iso non sería un problema se non nos levase a nós con el polo medio. O tempo non respecta nada e o asunto é que polo menos consigamos respectarnos a nós mesmos cando nos pasa iso. Cando nos deixa noutro lado do camiño aquel que transitabamos polo centro, diante das miradas de todo quisque, cun sorriso asomando na faciana ergueita sobre os ombreiros dun corpo mozo, animoso, esperanzado. Estes dous últimos cualificativos non teñen por que desaparecer, pero non pode ser a costa de andar pintando a mona como se fósemos ídem nunha feira. Das vaidades.

Dende que Andy Warhol decretou quince minutos de fama «urbi et orbe», todos somos quen de reclamalos. E se cadra atopamos, nese cuarto de hora dun anónimo calquera, un par de minutos gloriosos, marabillosos, extraordinarios. Seguramente mais xenuínos ca os expedidos na tragaperras da propaganda promocional do negocio artístico.

Disque é precisamente esa necesidade de saír da anomia, de sacar o pescozo por fóra da marea de rutina que nos afunde no medio do rebumbio, o que fai tan apetecibles ás redes sociais. A xente bótase ao twitter, ao facebook, ao instagram, reclamando a súa singularidade; e de paso poñerse ao lado dos famosos que transitan tamén por eses recintos dixitais. Os blogs proliferan por doquier e a xente abre canles en youtube para falar de calquera materia, mesmo de aquelas nas que son competentes.

Por todo isto é moi importante aprender a tirar a palla do gran. Non porque te fagas trasfegador impenitente de produtos culturais vas ter xa ese criterio incorporado. A cultura é un ben empaquetado en suplementos dominicais, unha mercadoría de consumo coma outra calquera, un ben mais dos producidos en Babilonia. A meirande parte das veces, estamos diante de produtos xa aparecidos, amortizados, resesos. Isto tráelle a un á memoria aquela frase de Marx, corrixindo a Hegel, de que os grandes feitos e persoeiros da historia aparecen dúas veces, unha como traxedia e outra como farsa. Faime ilusión pensar que estaba tamén anticipando todo isto: agora estamos no tempo das farsas, das reedicións, da falta de ideas que obriga á recuperación de argumentos esquecidos (ou non tanto). Estamos continuamente volvendo a ideas e obras que xurdiron nun tempo no que o sistema de explotación das mesmas aínda non afogara aos creadores.

Este ano veremos unha nova edición de «Ben-Hur», e seguramente outra de «Scarface». O ano que ven sairá unha versión actualizada de «Os sete magníficos» (a súa vez baseada en «Os sete samurais», de Kurosawa). Da versión cinematográfica de «Madame Bovary» hai 5 películas polas que optar.

Os Rolling Stones, os Beatles, Bob Dylan, tiveron que percorrer moitos quilómetros, tocar moitas veces, gravar varios discos, para facerse cunha audiencia e posteriormente cunha porrada de millóns. Hoxe faste cunha porrada de millóns cun disco de éxito que gravaches sen saír da túa vila. Todo ten hoxe menos peso, aínda que dea na báscula os mesmos quilos.

Dende que en 1961 Piero Manzoni envasara merda humana en 9 latas de 30 gr., ao prezo de cotización de 30 gr. de ouro, xa está todo dito. Por certo, que un amigo del asegurou moito despois que as latas tiñan só xeso. O que pasa é que os propietarios non van a abrir ningunha dado o prezo en que se cotizan hoxe en día.

Pois iso, que abramos ben os ollos candro abramos os envases coa etiqueta de cultura que nos poñen por diante cada día.

Comentarios