"A cultura é necesaria para seguir adiante como sociedade"

A poeta marinense Lara Dopazo Ruibal foi recentemente galardoada pola Editorial Galaxia co premio Illa Nova de Narrativa pola súa obra 'O axolote e outros contos de bestas e auga' 
Lara Dopazo. CEDIDA
photo_camera Lara Dopazo. CEDIDA

OS ANIMAIS e a auga son os protagonistas fundamentais da nova obra de Lara Dopazo, O axolote e outros contos de bestas e auga. Esta obra está composta por unha serie de contos que teñen como elemento común o sobrenatural. A orixinalidade e a gran altura estética permitiulle á autora gañar o premio Illa Nova de Narrativa - adicado a escritores menores de 35 anos- de Galaxia e poderá publicar o seu libro a finais de ano.

Que significa para vostede gañar o premio Illa Nova de Narrativa de Galaxia?
Estou bastante contenta, sobre todo polo libro. É un libro ao que lle teño cariño. Tardei bastante tempo en escribilo, a pesar de que é pequeniño. Faime moi feliz, pero ademais hai unha parte do concurso que ten que ver coa opinión do xurado, que se escolla a túa entre outras obras... Sempre vén ben e alegra un pouco a vida. Á parte vivimos en tempos bastante incertos e saber que vou a sacar un libro a final de ano faime bastante feliz.

A pandemia tamén lles pasou factura aos escritores...
Como a todas as disciplinas en realidade. Os escritores dependen un pouco para publicar da industria editorial e entrará agora en crise coma todos os outros sectores artísticos. Estamos nun momento complicado para todas as persoas que traballamos no mundo da arte, que non implica só ás creadoras e ós creadores, senón a técnicos e a un montón de perfís moi distintos. Ademais, cando hai crises económicas, a cultura sempre é a que máis se resente. Á cultura é necesaria para seguir adiante como sociedade.

Que é o que fai especial a O axolote e outros contos de bestas e auga para que tardase tanto en rematalo?
Tardei moito non porque fose un libro complicado, senón porque non fun constante. Pilloume nuns anos un pouco axetreados vitalmente, co cal tomeino con moita calma. O feito de que fosen contos e relatos axudou, é dicir, non tiña unha esixencia como a que pode ter unha novela, un ensaio ou un poemario. Tomeino un pouco coma un xogo. Non no sentido de que non o tomase enserio, se non que para min foi moi divertido e moi nutritivo escribir estes contos. Aprendín moito escribíndoos e tomeimo con calma porque tampouco tiña présa.

"Para min, enfrontarme á escritura é coller palabras e contar algo, ás veces nun xénero e outras noutro"

Que intenta transmitir con el?
É un libro de contos que teñen en común tres cousas principalmente. É un libro cunha unidade interna moi forte, a pesar de que son contos e relatos distintos. Os tres elementos son, primeiro, que son un pouco desacougantes, non son de medo pero intentan deixar mal corpo ou ser desconcertantes polo menos. Os outros dous elementos comúns son que hai moita auga en diferentes formas e estados, e bestas.

Por que se decantou por escribir contos neste novo traballo?
Por varias cousas. A primeira e que a min os contos sempre me fascinaron como xénero. Creo que os contos son o primeiro xénero literario co que nos familiarizamos desde nenas e nenos. A nosa vida está cruzada de contos. Moitas veces como contamos as historias ou as cousas que nos acontecen é en formato de conto.

Que opina deste xénero?
É un xénero, na miña opinión, que está máis presente que moitos outros. Hai outro tema que ten que ver coa identidade. É un xénero que ao mellor agora non está tan presente, pero que sempre estivo moi arraigado á tradición galega , sobre todo a nivel oral. Eu tamén medrei rodeada de contos por ambas vías, non só polos que lía senón polos que me contaban. Ó final é un xénero tan presente na miña vida que foi algo natural escribir contos. É a primeira vez que publico unha serie de contos, pero a miña relación vén desde sempre.

"Boto de menos que cando se fala de acto creativo e de facer un libro non se fale de canto se aprende"

Cre que o elemento da auga e as bestas que inclúe no libro ten que ver coas lendas galegas?
Non diría que me inspiro na tradición popular galega. Non sei se se podería meter aí, pero si que é certo que ten moito que ver cos contos que me gusta escoitar a min nos que hai persoas con poderes sobrenaturais, animais personificados... Esas historias da tradición popular que che dan como cousa porque non as cres, pero a vez che deixan un corpo raro. De aí bebo tamén.

Vostede adícase máis á poesía. Resúltalle complicado pasarse á narrativa á hora de escribir?
Creo que nos xéneros literarios e incluso xornalísticos a materia prima é a palabra. Podemos contar historias que sexa reais para facer unha crónica ou unha entrevista, ou podemos usar a ficción para facer un conto, pero a materia prima é a misma. Para min, enfrontarme á escritura é coller palabras e contar algo, ás veces nun xénero e outras noutro. Eu tamén son de formación xornalística e escribir forma parte da miña vida diaria. É certo que o que máis publiquei ata agora é poesía, pero iso non quita que escriba outra moitas cousas. Moitas veces escribo formatos bastante híbridos que non sabería dicir se son unha cousa ou a outra. Iso é o fantástico da literatura, cambiar moito de xénero. Non me caso con ninguén.

Cre entón que tamén lle serviu de aprendizaxe escribir contos?
Fun intentando aprender cuestións de técnica narrativa en cada un dos contos. Foi divertido e moi ‘exploratorio’ nese sentido, de ir probando cousas e ver que pasaba, por exemplo, se collo un pesonaxe e non o saco dun sitio moi pequeno durante todo o tempo ou vamos a ver se nun dos contos relato o que pasa o final desde a primeira liña. Por iso foi un xogo e tan divertido, porque aprendín moito no proceso. Boto de menos que cando se fala do acto creativo e de facer un libro non se fale de canto se aprende. A escritura como calquera disciplina, traballo ou oficio é un camiño de aprendizaxe. Tamén está ben recoñecer que aprendemos facendo.

Que é o que lle intenta transmitir ao lector con cada unha das súas obras?
En cada unha intento trasmitir unha cousa distinta. Por exemplo, noutros libros tiña moi claro o que quería transmitir e cal era o tema central, pero neste novo unha das cousas que me gustaría sacar e que fose útil para o lector e a capacidade de sorprenderse e de ir desmontando clichés. Iso si que me gustaría que sucedese, pero non sei se vai pasar. Quero amosar outras posibilidades, cousas que non están no noso día a día e que nos fan ver outras formas de afrontar a vida.

Comentarios