Culturgal clausúrase superando as 14.000 visitas e emprazando á edición de 2020

A Feira das Industrias Culturais de Galicia pon en Pontevedra o punto final á súa XII edición cunha xornada na que participaron Oliver Laxe, Quico Cadaval, Arantza Portabales, María Fumaça e Pedro Feijoo

Algo máis de 14.000 persoas pasaron pola XII Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, que se celebrou ao longo de toda a fin de semana en Pontevedra. Atendendo aos datos facilitados pola organización, o público xeral baixou lixeiramente con respecto ao ano pasado, cando superou as 14.500 persoas, pero mantense nas cifras que a feira baralla dende o seu inicio, mesmo nos anos nos que non cobraba entrada (entre 14.000 e 15.000 persoas). Como é habitual, moitas das propostas estiveron ateigadas de público. Un exemplo: os concertos de Dios Ke Te Crew ("con 250 persoas agardando o seu showcase desde unha hora antes do inicio"), das Tanxugueiras (ambos, o sábado) de Maria Fumaça (domingo), e mesmo o espectáculo central da feira, o concerto de despedida dos escenarios de Marful (tamén o sábado), que encheu o auditorio do Pazo da Cultura e "que foi transmitida en streaming pola Radio Galega, con 5.000 persoas seguíndoo pola rede", explicou o Culturgal.

A organización da feira, que emprazou á celebración do ano que vén, entre o 27 e o 29 de novembro, de novo en Pontevedra, tamén destaca o éxito doutras propostas da programación, como a sinatura de libros de diferentes autores. Este domingo mesmo foi o caso de Pedro Feijoo. E o sábado, o de Miguelanxo Prado. "Que un autor de banda deseñada internacional como é Miguelanxo Prado non só veña á feira a presentar a súa última obra, senón que pase asinando horas o seu traballo é un exemplo desa experiencia Culturgal que queremos que o público leve consigo", explica o director do evento, Xosé Aldea, en palabras facilitadas pola feira.

Cantos na Maré avanzou o que será a celebración do festival do ano que vén e o Concello presentou o cartel do Salón do Libro Infantil

A terceira xornada da Culturgal estivo marcada, entre outras cousas, pola proxección da última película de Oliver Laxe, O que arde; a performance que o dramaturgo Quico Cadaval realizou no Espazo para Arte Contemporánea, e a presenza de autores como Arantza Portabales. Esta última avanzou, entre outras cousas, que estaba escribindo a segunda parte da súa última novela, Beleza vermella, e lembrou que a adaptación ao teatro de Deixe a súa mensaxe despois do sinal se poderá ver en Santiago o 18 de abril.

Acto central da clausura da feira foi tamén a entrega do Premio do Público do Culturgal, que se escolle a través dunha votación on-line e que este ano recaeu no Festival dos Eidos, que se celebra no Courel (Lugo).

A maiores, Pontevedra tivo o seu protagonismo na xornada do domingo. Por unha banda, o Concello avanzou o que será a celebración do Salón do Libro Infantil e Xuvenil da cidade coa presentación do seu cartel. Por outra, os responsables de Cantos na Maré falaron da consolidación do novo formato do festival da lusofonía.

Comentarios