O Curtas Armadiña 2018 presenta a súa programación do 12 ao 18 de novembro

A esta edición presentáronse 900 pezas audiovisuais, procedentes de España e Portugal

Entrega dos premios Curtas Armadiña de 2017. RAFA FARIÑA
photo_camera Entrega dos premios Curtas Armadiña de 2017. RAFA FARIÑA

O certame audiovisual Curtas Armadiña presentou este venres a súa programación que se celebrará do 12 ao 18 de novembro en diferentes espazos do concello de Poio. A esta edición presentáronse 900 pezas audiovisuais, procedentes de España e Portugal. Nesta ocasión prestarase unha especial atención á integración das persoas con discapacidade intelectual.

Os portavoces da organización de Curtas Armadiña 2018, Adrián González e Diego Piñeiro, acompañados polos responsables de Cultura na Deputación de Pontevedra e no Concello de Poio, Xosé Leal e Lida Salgueiro, respectivamente, debullaron o contido das diferentes actividades que arrincan este luns 12 co curso Realizar e dirixir para as redes da man do realizador Pablo Cacheda, no que os asistentes se achegarán á linguaxe audiovisual actual a través de plataformas como YouTube e de Vines, blogs ou tutoriais.

O martes 13, o realizador Jose Aragunde será o encargado de establecer os fundamentos da iluminación nos traballos audiovisuais para que o alumnado poida polos en práctica despois sobre unha serie de casos prácticos no taller Iluminación para o audiovisual.

Para o mércores 14, a actriz, artista visual e performer María Roja propón en 1,2,3 e acción unha reflexión práctica sobre os procesos de creación no campo da actuación ante e para a pantalla. Os asistentes adestrarán ferramentas de creación e interpretación que permitan o diálogo corporal con dispositivos de gravación domésticos a través de aplicacións tecnolóxicas.

Este tres talleres terán lugar no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó en horario de 19.00 a 21.00 horas, están abertos ao público xeral e son gratuítos.

O xoves 15 no Casal de Ferreirós, ás 19.00 horas, desenvolverase o espazo Cinemas diversos en colaboración coa asociación Down Pontevedra Xuntos coa proxección da curtametraxe Prexuízos seguido dun coloquio e ás 20.00 horas veranse videoclips.

As proxeccións da sección oficial empezarán o venres ás 19.30 horas no Casal de Ferreirós precedidas (ás 17.30 horas) do visionado do documental As Encrobas a ceo aberto de Xosé Antón Bocixa Rei cun coloquio posterior no que participará o propio director.

Poderanse ver as curtametraxes Crack, De cerca, The Neverending Wall, Los hombres de verdad no lloran, Lo cotidiano, Orión, Croquetas para el ministro, Sonríe, Domesticado, Noche de Paz e El mejor momento.

As actividades continuarán o sábado pola mañá, entre as 11.00 e as 13.00 horas, coa artista visual Alba Blanco que ensinará a nenos de entre 8 e 12 anos que acudan ao Centro Cultural Xaime Illa a acurtar a distancia entre corpo e tecnoloxía a través dunha creación ben dinámica no curso titulado Gravar e montar un vídeo: un xogo espacial.

Simultaneamente no Casal de Ferreirós empezará ás 11.30 horas o espazo Cinema e muller en colaboración coa Deputación de Pontevedra e que inclúe o visionado das curtametraxes Voguing, de Carme Nogueira, e Ei, guapa!, de Sonia Méndez.

Ao mediodía cederá o protagonismo ao Cinema local coa proxección de Bágoas negras, de Uxía Santiago; Mare, de Chuco Briones; Metrocabina, de Pontevedra Rodando; Thanatos, de Axel D. Sánchez; e o anuncio promocional do festival Armadiña Rock 2018.

Pola tarde, a partir das 17.30 horas continúan os curtos presentados á sección oficial con El niño que quería volar, Diddl Zapping, Mariñeiro, Tournées, Avelino, Abuelo, Alertaxochicuatla e Robarte una noche.

Finalmente para o domingo ao mediodía está prevista unha sesión vermú no Casal de Ferreirós a cargo da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA). E desde as 17.30 horas completarase a sección oficial con Rojo amarillo rojo, La bomba, El último libro de la Tierra, Matria e Areka.

Ás sete da tarde arrinca a entrega de premios na Gala Curtas Armadiña, dirixida pola actriz e directora teatral Marta Pérez.

EVA FERNÁNDEZ. O certame Curtas Armadiña, na súa edición 2018, outórgalle o premio especial á actriz ourensá Eva Fernández co obxectivo tanto de pór en valor o seu gran talento como actriz como de resaltar o feito de interpretar numerosos personaxes femininos que reivindican e loitan polos seus dereitos.

Así mesmo, desde a dirección do certame quérese destacar a "sensibilidade, a xenerosidade e a humildade" que imprime a actriz a todos aqueles acontecementos que a rodean e a implicación coas causas sociais.

O xurado está composto por Pablo Cacheda, Laura Doval, María Roja, Juan de Castro e Pilar Varela.

Pola súa banda o Xurado Novo do Curtas Armadiña xa elixiu o mellor videoclip galego presentado ao certame. Tal e como recollen as bases, este xurado está composto por alumnado do IES de Poio de entre 15 e 17 anos.

Comentarios