Anabel Gulías, concelleira de urbanismo: "Custoume moito desintoxicarme de Inditex"

Asegura que os alugueiros dalgúns comercios "son escandalosos", que a ampliación do polígono do Vao será unha realidade 16 anos despois e que no eido empresarial "hai vida máis alá de Ence"

Gulías diante dunha das letras metálicas da rúa Fernández Villaverde. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Gulías diante dunha das letras metálicas da rúa Fernández Villaverde. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Non lle gusta o Black Friday nin o que esta campaña representa para o comercio tradicional. Anabel Gulías (Forcarei, 1981), que xestiona unha das carteiras con máis proxección no Goberno de Miguel Anxo Fernández Lores, di que "non podemos descargar a culpa no consumidor" e que "a forma de comprar depende de nós".

Vostede compra no comercio local?
Dende que me decatei da problemática intento comprar no comercio local. Recoñezo que me custou especialmente deixar Inditex. Custoume moito desintoxicarse deste grupo. Aínda que hei de dicir que, no téxtil, hai moitas tendas en Pontevedra que suplen a oferta desta multinacional (...) Se compro só no comercio local? Non. Pero intento facer o seguinte: decatarme do que verdadeiramente necesito e, cando teño que ir mercar, tentar facelo no comercio local.

A oposición, especialmente o PP, culpa ó Concello do peche destes negocios na cidade. Cal cre que é a saúde do comercio local?
A única preocupación do PP en Pontevedra a nivel empresarial son dúas empresas: Ence e Elnosa. Do comercio, nin se lembra. A saúde do comercio local é delicada en Pontevedra, pero tamén o é en Vilagarcía, Vigo, Lugo, A Coruña e Madrid. É un problema global. Polo tanto, esta situación non depende dunha Administración local. Nós podemos facer campañas de sensibilización, como as que temos previsto para o Nadal nas Galerías Oliva, áparte do obvio: que o mellor escaparate do comercio local sexa a propia cidade. Os espazos urbanos de Pontevedra favorecen o comercio local. Na medida na que nos gustaría? Non, pero estou segura de que se non tivesemos este modelo de cidade, a situación do pequeño comercio sería moito peor.

"Non habería cartos suficientes no Orzamento para pagar o poscionamento que está a ter esta cidade", comenta Gulías

Hai emprendedores que se queixan do alto custe de moitos alugueiros en Pontevedra.
Os alugueiros non os marca o Concello. E, si, algúns prezos son escandalosos.

Cal é a alternativa?
Primeiro apostouse polo teletraballo, é dicir, traballar dende a casa. Logo pasouse ós coworkings, que si me parecen unha boa alternativa. E agora fálase dos espazos compartidos e da economía colaborativa. Esta última parece unha boa solución.

A normativa de terrazas xa está en marcha. Houbo inspeccións?
E incluso algunha sanción. Estamos satisfeitos co grao de cumprimento da ordenanza de veladores, sobre todo porque os toldos laterais desapareceron. E iso hai que agradecerllo á hostalaría. En liñas xerais todo o mundo cumpre. Os horarios tampouco crearon problemas. En verán fixemos unha ampliación de horarios e é posible que, no vindeiro verán, volvamos amplialos aínda máis. Por que? Porque o grao de satisfacción dos veciños, dos hosteleiros e de nós mesmos foi elevado.

Cales son as principais infraccións?
Os toldos e as pizarras.

Gulías, en relación á ordenanza dos veladores: "É posible que no vindeiro verán ampliemos aínda máis o horario de terrazas"

Hai veciños que acusan a falta de espazo nalgúns puntos, como A Leña, nos que pasar con dúas bolsas da compra se fai difícil.
Hai zonas que son especialmente conflitivas. O Concello, a través dalgunhas queixas, regulou algúns espazos. Véxase o caso do Carabela ou en Cruz Gallástegui. E seguimos a facelo, porque temos peticións na Rúa Real e Dona Tareixa. A nosa intención é poñer a todo o mundo de acordo: veciños e hostaleiros. Sen vontade sancionadora. Cando lle vai chegar á Leña? Cando chegue o momento, aínda que teño que dicir que non recibín ningunha queixa sobre este lugar.

Que lle falta a Pontevedra para que sexa a gran referencia mundial no eido do urbanismo?
Do proceso iniciado en 1999 temos hoxe referencias inimaxinables, como o artigo do The Guardian. E empeza a chegar máis prensa internacional. Estivo Le Monde, a tele pública alemana, a televisión australiana e a francesa. É un proceso que hai que seguir sementando. E a idea é ir consolidando a nosa presenza no mercado anglosaxón. Pontevedra quere ser coñecida internacionalmente por facer as cousas ben. Non habería cartos suficientes no Orzamento de Pontevedra para pagar o dimensionamento que está a ter a cidade. Eu recibo ofertas constantes para que Pontevedra apareza nas revistas de Ryanair ou Vueling.

Ten máis retorno este modelo que as luces de Nadal de Caballero?
Cada quen fai política como quere, como cómpre e como sabe. Eu non me vou meter nas estratexias de posicionamento internacional de Vigo. O que si podo dicir é que Pontevedra está chea de xente.

Teme que ese boom de xente poida afectar ó acceso as vivendas polo aumento dos aloxamentos turísticos?
A excesiva turistificación non sucede en Pontevedra. Estamos moi afastados diso. Primeiro, porque o noso tipo de turismo é moito máis calmado, que busca empaparse da cidade a un ritmo máis tranquilo. E, logo, porque aquí non permitimos que haxa aloxamentos turísticos en edificios residenciais.

Para cando un novo albergue público de peregrinos en Pontevedra?
A pregunta sería para cando un acordo entre Xunta e Concello para analizar a situación do albergue de peregrinos. Os niveis de ocupación do albergue son indiscutibles e hai unha demanda latente. Ó mellor, no canto dun novo, podemos falar de ampliar o que xa hai. Por que non?

"Os niveis de ocupación do albergue son indiscutibles. Ó mellor, no canto dun novo, podemos falar de ampliar o que hai", confesa a concelleira 

Fáltalle a Pontevedra un hotel de cinco estrelas?
Si, sen dúbida. Non será polos esforzos que o alcalde e o grupo de Goberno levan feito. Agardamos que veña. Hai interese? Si. Eu séntome con cadeas e construtoras. Pero alguén ten que facer ese investimento. A parcela témola, aínda que agora a temos ocupada de xeito temporal.

O PP di que o Concello, e nomeadamente o alcalde, lle colga o teléfono ás empresas.
O PP ten un problema cunha cuestión básica que eu, humildemente, espero que revisen. Confunden empresa con Ence. Hai máis vida alá de Ence. Aquí hai empresas que traballan a nivel internacional e que xeran emprego. E isto vese nas firmas que facturan máis dun millón de euros en Pontevedra (999 centros de traballo, segundo o último censo municipal).

A ampliación do polígono do Vao leva 16 anos de trámites. Cando sairá adiante?
Agardo que nun futuro moi próximo. Tivo moitos problemas de índole administrativa. O martes vaise tomar coñecemento do plano de equidistribución presentado polo promotor para darlle un impulso. Logo irá a exposición pública e, despois, aprobarase definitivamente. O Concello dará todas as facilidades posibles, pero hai trámites que se nos escapan e non nos corresponden a nós.

Hai algunha empresa interesada xa en instalarse no futuro gastroespazo do Mercado de Abastos?
Por suposto. Houbo moita xente que veu consultar o proxecto. A reforma da primeira planta ten como obxectivo revitalizar a Praza de Abastos da cidade, que a xente merque aquí e que sexa un lugar de goce.

Hai iniciativas deste tipo que teñen Estrelas Michelin. Aspirara a isto?
Eu non aspiro a que aquí haxa un restaurante Estrela Michelin, pero tampouco o desboto. A idea é que sexa un lugar onde a xente se poida xuntar, tomar algo, mercar na Praza e cociñalo arriba.

Vese como sucesora de Lores?
O debate sobre a sucesión de Lores é inexistente. Que alguén na oposición poña este tema enriba a mesa revela quen é o mellor candidato á Alcaldía, quen ten o mellor equipo e cal é o mellor proxecto para esta cidade. Eu non me podo ver como sucesora de Lores porque é un debate que non existe.

Gustaríalle repetir como número dous do Bloque nas municipais?
O meu futuro político estará onde a militancia do BNG queira que estea. O meu lugar determinarao a organización. Ó mellor deciden prescindir de min. Se é así seguirei militando coas mesmas ganas que sempre.

Comentarios