Aquí están as Murgas: "Dálle, Mucha, dálle, ata que se escaralle o Satisfyer"

Sete agrupacións participan na primeira semifinal do Concurso de Murgas de Pontevedra, no que se lle adicaron tantas coplas ao xoguete sexual de moda como ao pacto de goberno en Madrid

O Satisfyer, o succionador de clítoris que se converteu nun pequeno fenómeno social hai uns meses, foi un dos grandes protagonistas da primeira eliminatoria do XXIX Concurso de Murgas do Entroido de Pontevedra, que se celebrou este luns no Pazo da Cultura e que estivo marcada pola presenza de ata catro agrupacións do Grove. "Dálle, Mucha, dálle,/ ata que se escaralle o Satisfyer", cantaron, por exemplo, Os Onei’s. "Os homes xa empezan a sobrar./ Nin para o sexo fan falta xa./ Agora existe un aparato./ Elas póñeno aí abaixo/ e así, aspirando, abranda o garabanzo./ Que felicidad!", os de Jana de Leria

Ao xoguete sexual, as agrupacións adicáronse tantos ou máis versos que ao pacto de goberno en Madrid entre PSOE e Podemos. Outros protagonistas da noite foron as repeticións electorais, a irrupción de Vox no panorama político, os temas das revistas de crónica rosa (de Bigote Arrocet e María Teresa Campos aos duques de Sussex) e a exhumación de Franco do Valle de los Caídos.

A segunda eliminatoria do XXIX Concurso de Murgas terá lugar este mércores 26 de febreiro,  ás 21.00 horas,  no Pazo da Cultura

A semifinal, que foi presentada como é habitual pola actriz María Carrera, contou cunha cifra récord de participantes, sete, o que alongou o espectáculo ata entrada a madrugada. "Sabedes que actúan sete murgas, non?", preguntou a presentadora. "Ides morrer todos aquí. Xa vos aviso".

SOREMAY. Os de Soremay (o grupo da residencia de maiores de Pontevedra, que actuou con varios usuarios enriba do escenario), Os de Noalla (de Sanxenxo), Romanox, Os Onei’s, Tropa de Moncha A Caralla, Jana de Leria (as catro do Grove) e Os do Val do Lérez foron os participantes da xornada deste luns. Cando rematen de actuar as seis agrupacións da segunda semifinal (o mércores), o xurado (formado este ano polo rei Urco, Pilar Comesaña, Guille Juncal, Oswaldo García, Álvaro Novegil e Caqui Viñas) elixirá as cinco mellores, que serán as que pasen á final do xoves. 

"España, fumata blanca, hai aliansa/ xa nos gobernan os perroflautas/ e os de Vox quedaron coas janas./ Espera non vaian dar un jolpe de Estado./ A Abascal había que preñalo/ a ver que sae dese animal", foi unha das análises da actualidade política que fixeron Os Onei’s, do Grove, que adicaron distintos temas a cuestións da súa localidade. Unha delas, o éxito do local El Náutico, que xestiona Miguel de la Cierva en San Vicente do Mar. "Nunha esquiniña o das entradas/ cos ollos rojos, coidadiño, que hay redada./ Pon a barrera pos coleguitas./ Ábrele ahí que estos son periodistas,/ ponles paella, pero de la que es fresquita".

A final do certame terá lugar o xoves 27 de febreiro.  Actuarán as cinco murgas que consigan unha maior puntuación por parte do xurado

Coa música de Sufre, mamón, de Hombres G, Romanox, tamén do Grove, que entraron saudando cun "Boas noites, Ponte Caldelas!", cantáronlle á exhumación de Francisco Franco. "Exhu-mación,/ bandeiras coa jaliña, / o que lle van resar sonche malos como a tiña./ Exhu-mación;/ a caixa ten polilla,/ o arenque cheira mal,/ só quedan as espiñas.

As murgas recuperaron, tanto a nivel local como estatal, a sátira política, que este ano apenas conseguiu facerse un oco no desfile de Entroido do sábado. Os de Noalla, de Sanxenxo, cantáronlle, por exemplo, ás repeticións electorais. "Pero ultimamente todo está a cambiar;/ non se sabe ben a quen vas a votar./ Cada oito días temos eleccións,/ pero somos nós os que vamos pagar".

 O concurso pódese seguir a través de internet: www.pontevedra.gal

VOX. Aínda que, se houbo algún protagonista da velada neste ámbito, fóra do acordo entre Pedro Sánchez e Pablo Iglesias, ese foi Vox. "Cuando parecía que, por fin, esto iba a ser normal,/ después de dos elecciones,/ aparece el tonto de Abascal,/ con el pin de los cojones", foi unha das letras que se escoitou á noite. Interpretárona Os do Val de Lérez, que tamén lle adicaron unha estrofa a Podemos especificamente. "Con Podemos no dormía tranquilo,/ ahora le cuesta despertarse./ Cuatro vicepresidentes hay,/ ministerios inventados, que antes no existían/ para que Pablo Iglesias aplauda a la monarquía".

Greta Thunberg, as estancias do rei emérito Juan Carlos en Sanxenxo, o presidente da Xunta ou o alcalde de Pontevedra tamén protagonizaron varias cantigas das murgas. 
 

Comentarios