Para debate electoral, o de Onda Sánchez

Alfredo Fernández, de 13 anos, impulsa unha radio escolar no IES Sánchez Cantón, que se estreará cun cara a cara aberto ao público con cinco candidatos á Alcaldía de Pontevedra

Alfredo Fernández, co profesor Xosé Luís Janeiro, nun improvisado estudo de radio no instituto. JAVIER CERVERA
photo_camera Alfredo Fernández, co profesor Xosé Luís Janeiro, nun improvisado estudo de radio no instituto. JAVIER CERVERA

NIN O DE Televisión Española nin o de Atresmedia. O auténtico debate electoral emitirase o vindeiro 22 de maio en Onda Sánchez, a radio escolar que está a piques de ver a luz no IES Sánchez Cantón. Non estarán os aspirantes á Moncloa, senón os cinco candidatos á Alcaldía de Pontevedra dos partidos que teñen actualmente representación e que se medirán nas urnas catro días despois. O cara a cara entre Miguel Anxo Fernández Lores (o BNG está case seguro de que enviará ao seu primeiro espada), Rafa Domínguez (PP), Tino Fernández (PSOE), Luís Rei (Marea) e Goyo Revenga (Cs) será aberto ao público e gravarase no Paraninfo do instituto o 14 de maio ás 17.30 horas.

Detrás desta iniciativa non hai ningunha gran corporación mediática, senón un rapaz de 13 anos que dende moi cativo quixo ser xornalista e que exercerá de moderador do debate. De feito, este estudante de 2º de ESO xa ten traballado como periodista puntualmente nalgún medio.

A idea xurdiu no Equipo de Normalización Lingüística do centro, que coordina o docente Xosé Luís Janeiro. "Decidimos crear a radio escolar para difundir a lingua galega e a nosa cultura, como faciamos en Twitter e Instagram -explica Fernandez Marques-. Polo de agora somos pouquiños no proxecto, pero na vindeira reunión faremos unha chamada para que se incorporen máis compañeiros". El é o director de Novas, "pero tamén queremos ter seccións de Literatura, Deportes, un espazo feminista a cargo do Consello da Muller Nova...". Onda Sánchez terá un espazo na plataforma Spreaker, na que se pode emitir en directo e colgar podcast. "Imos emitir unha serie de programas, dous deles en directo, sempre no instituto. Queremos facer algúns especiais para escoitar nas propias clases pero tamén nos espazos comúns, como a biblioteca ou o vestíbulo durante o tempo de lecer".

"Sempre quixen ser periodista", afirma este precoz comunicador

O debate electoral será o "material forte" que dará inicio ás emisións e que servirá para captar oíntes alleos ao instituto e demostrarlles "que imos ter bos contidos". Para facelo realidade precisan tamén unha emisora local "que nos apoie tecnicamente, porque o presuposto é limitado". Tamén contan co patrocinio do establecemento de interiorismo Nakasa, que lles vai proporcionar todo o decorado.

Os cinco candidatos xa saben como se vai desenvolver o cara a cara. "Imos facer un pregunta que terá que responder cada un deles. A raíz desas respostas faremos un coloquio cunha serie de cuestións. Os temas principais xa lle foron comunicados aos partidos", para que leven os deberes feitos, xa que no propio debate "terán pouco tempo para responder". Segundos antes de empezar recibirán unha copia da escaleta coas preguntas concretas. "Ademais -desvela o moderador-, ao final haberá unha rolda de preguntas do público e tamén haberá unha cuestión sorpresa, que non se desvelará antes".

Este mércores, coa axuda doutro docente, Alfredo estivo gravando unha peza promocional do debate para difundila nas redes sociais e entre as familias do alumnado. Mentres explicaba que, por suposto, viu os dous debates televisivos cos candidatos ao Goberno central. "E tomei nota -apuntou- aínda que temos plantexado un formato moi diferente". O adolescente prefire careos "cun pouco máis de contido, de chicha". Considera que o de TVE "foi plano de máis, un pouco aburrido", pois "Fortes non meteu moita caña" e Ana Pastor tampouco cumpriu as súas expectativas no de Atresmedia. "Pero se houbera que buscar un gañador para min foi Pablo Iglesias. Casado estaba xogando ao 'y tu más', ás comparacións, lembrando datos dos gobernos de Aznar, de Rajoy... Ese intercambio de libros entre Sánchez e Rivera tampouco me pareceu axeitado para o momento. E Iglesias non foi a atacar, dixo o que tiña que dicir, apoiouse na Constitución...". Non obstante, matiza, "isto que digo non ten que ver con que eu comparta ideas con Pablo Iglesias" e advierte que no debate das municipais "imos ser completamente neutrais", posto que "non temos ningún tipo de liña editorial. Todos os candidatos recibiron a mesma información previa e terán as mesmas preguntas".

Comentarios