Defectos que matan a ilusión

O baixo rendemento nos partidos de fóra de Galicia, a incapacidade para remontar e a irregularidade truncaron a ilusión do Pontevedra de selar a súa temporada co pase ao play-of

Javi Pazos laiándose despois de non acertar cunha ocasión no partido contra o Atlético de Madrid B. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Javi Pazos laiándose despois de non acertar cunha ocasión no partido contra o Atlético de Madrid B. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O Pontevedra quedou eliminado do camiño por acadar un posto na fase de ascenso despois de perder o único partido en Pasarón da temporada, contra o Atlético de Madrid B.

Sen embargo, non foi a derrota fronte ao conxunto colchoeiro o que deixou polo camiño á escadra de Pasarón. Ao contrario, non se pode reducir a un mal día o resultado final dunha campaña de 38 enfrontamentos no que se produciron moitas situacións diferentes. E nese senso, se algo permitiu ao Pontevedra ilusionarse foi o rendemento diante dos seus seareiros.

E é que os homes de Luismi só perderon un envite no seu feudo. Ata o domingo eran o único bloque da categoría, xunto co Mirandés, que non caera como local. O seu nivel nese aspecto foi moi alto, con pequenos e puntuais lunares (igualadas contra o Deportivo Fabril, o Valladolid B, o Burgos e o Internacional de Madrid).

O verdadeiro hándicap estivo noutro lugar: lonxe da casa. E máis en concreto, lonxe de Galicia. Curiosamente, o Pontevedra venceu os catro desprazamentos que realizou por territorio galego. Venceu en Barreiro, contra o Celta B, obtivo tamén o triunfo perante o Rápido de Bouzas con autoridade e tamén levou os puntos de Coruxo e de Abegondo.

Pero cando lle tocou atravesar o Padornelo, só gañou en dous escenarios: contra o Burgos e contra o Fuenlabrada. O Pontevedra foi derrotado en tódolos campos sintéticos da Meseta, excepto en Navalcarnero. Tamén caeu en Las Palmas.

Cando perdía, ademais, facíao con contundencia en máis dunha ocasión: en Guijuelo, en Boadilla contra o Internacional, en Madrid contra o Unión Adarve ou contra o Salamanca CF UDS.

REMONTAR. Outro aspecto que non facilitou a consecución da meta coa que soñaba a escadra da cidade do Lérez foron as dificultades que amosou con marcadores en contra. O Pontevedra non gañou ningún partido que empezou perdendo. Só lle deu a volta ao duelo contra o Internacional de Madrid (do 0-1 ao 2-1 e 2-2 definitivo) e logrou igualar outros tres partidos máis nos que empezou por debaixo no marcador, contra o Navalcarnero fóra e perante o Fabril e o Valladolid B en Pasarón. Novamente percíbese a influencia positiva de Pasarón e negativa dos desprazamentos fóra da casa.

A escadra granate tivo un defecto no seu xogo que lle pasou factura: a falta de puntería. O cadro pontevedrés tivo unha porcentaxe de aproveitamento das ocasións xeradas moi reducida. As dificultades para atopar a portería contraria foron un lastre grande para un equipo que sempre elaboraba moitas oportunidades. Nese senso, cabe lamentar a mala fortuna dos dianteiros, que pasaron de sumar 13 dianas na primeira volta da Liga a facer tres na segunda.

Mellora. 14 puntos máis cá temporada pasada
Despois de estar tan preto do pasaporte para disputar a fase de ascenso, as comparacións co pasado recente non resultan consoladoras para os seareiros do Pontevedra.

De calquera maneira, o equipo granate deste curso logrou mellorar en tódolos aspectos ao da pasada campaña, excepto o título da Copa Federación, competición que tanta vida deu á escadra no curso anterior e que resultou tan agradecida desde o punto de vista económico para o club.

O Pontevedra 2018-19 xa superou en 14 puntos ao da pasada campaña, a falta dun esixente partido para a conclusión do exercicio.

No pasado campionato, o PCF logrou 45 puntos que o levaron á permanencia na última xornada. No presente campionato, concluirá no sexto ou sétimo postos, con 59, 60 ou 62 puntos, en función do resultado da última xornada de campionato, contra o Real Madrid Castilla.

O bloque da cidade do Lérez ten garantida a praza na próxima edición da Copa do Rei, sexa cal sexa o formato final da competición, que segundo a asamblea da Federación Española apunta a unha ampliación de presenza dos clubs humildes, incluidos os oito mellores equipos non filiais de cada grupo da Segunda B.

Comentarios