Deportes reactiva o proxecto para construír o novo campo de fútbol de Salcedo

Solicita autorizacións a Aesa e o Ministerio de Defensa
0799 Campo de futbol de Salcedo796
photo_camera Proxecto do campo de fútbol de Salcedo. DP

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes de Pontevedra, Tino Fernández, pretende reactivar o proxecto para construír un novo campo de fútbol de herba sintética na parroquia de Salcedo, preto das instalacións da Brilat. Para iso, o seu departamento vén de remitir sendas solicitudes de autorización a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (Aesa) e ao Ministerio de Defensa.

Tamén levará “pronto” a Xunta de Goberno Local a aceptación dos 14.800 metros cadrados de terreo de solo rústico de protección forestal que a Mancomunidade de Montes de Salcedo acordou ceder ao Concello o ano pasado para uso deportivo.

O obxectivo de Fernández é desatascar e darlle "un pulo" nos vindeiros meses "a un proxecto que ten un orzamento de execución de case 1,7 millóns de euros e que leva estancado dende 2018".

Segundo explica, as torres de iluminación do futuro campo de fútbol terán unha altura duns 20 metros "“e a normativa de servidumes aeronáuticas obriga a pedir permiso a Aesa, á que xa lle foi enviado o proxecto básico e de execución deseñado polos arquitectos Jorge Santos, José Carlos Mera (de Santos y Mera Arquitectos SLP) e Gustavo Pérez".

Ao mesmo tempo, o Servizo de Deportes tamén informou formalmente e solicitou permiso ao Ministerio de Defensa para a construción do campo nuns terreos que se usaban antigamente como campo de tiro (motivo polo que se atopan explanados), pero que unha sentenza xudicial ditaminou que en realidade pertencían aos comuneiros de Salcedo, devolvéndolles a eles a titularidade. "Aínda que se trata duns terreos clasificados como rústicos e de protección forestal dende 2011 -aclarou Tino Fernández-, a Xunta da Mancomunidade de Montes acordou o ano pasado cederllos ao Concello para uso deportivo, polo que o único que queda pendente neste senso é que a Administración municipal acepte dita cesión, aprobándoa en Xunta de Goberno".

PETRÓGLIFOS. Á marxe dos trámites descritos con anterioridade, a presenza de petróglifos no contorno da parcela na que se creará o novo campo de fútbol, tamén obrigará á Concellería de Deportes a informar á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, se ben, como indica o edil do PSOE, "están bastante lonxe e chegará con que o arqueólogo municipal, Xoán Carlos Castro, emita un informe ao respecto".

O campo de fútbol terá unhas dimensións de 100x58 metros e o pavimento de herba artificial deberá superar os parámetros de durabilidade máis esixentes e ter unha resposta deportiva das máis altas prestacións homologables pola Fifa.

O proxecto plantexa un conxunto de novas edificacións que integra todas as instalacións que require o terreo de xogo, catro vestiarios para xogadores, dous vestiarios para árbitros, almacéns e unha bancada elevada. "Trátase en realidade de tres edificacións -explica o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes- que envolven o campo, unha situada no linde oeste da parcela e do campo e outras dúas no linde sur. A edificación situada no lado oeste, que conterá os vestiarios, a enfermería, o almacén e outras instalacións, será unha peza pétrea con forma de prisma, pegada ao terreo e a unha rampa existente que servirá de acceso á bancada".

No lado norte construiranse dúas edificacións, nunha delas atoparanse a cantina e os aseos e na outra un almacén para bicicletas e unha aula de natureza. Estes edificios serán máis lixeiros e orgánicos e a cuberta que os unirá xerará espazos de protección entre eles e na zona de acceso ao campo. As formas e os materiais que se empregarán neles darán continuidade á actuación e a integrarán no contorno.