A Deputación de Pontevedra acolle un ano máis a presentación do GD Súper Froiz

Carmela Silva desexou sorte ao equipo que dirixe Evaristo Portela e mostrouse "orgullosa de contar na provincia cun club referencia no ciclismo nacional"

DAVID HQR! CICLISMO: PRESENTACIÓN DEL SÚPER FROIZ, viernes, 21 feb · 12:30–12:30
photo_camera DAVID HQR! CICLISMO: PRESENTACIÓN DEL SÚPER FROIZ, viernes, 21 feb · 12:30–12:30

O exterior do Pazo Provincial converteuse nunha verdadeira festa na que máis dun centenar de nenos e nenas coñeceron aos ciclistas que traballarán para cumprir os ambiciosos obxectivos do club pontevedrés

Ante centos de nenos dos colexios pontevedreses San José e Sagrado Corazón, o Pazo Provincial volveu a ser o punto de saída dunha nova temporada para o GD Súper Froiz, que este curso cumpre 32 anos de actividade co obxectivo de volver a pelexar polo primeiro posto do ránking nacional.

No acto, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mostrou a súa satisfacción por acoller esta presentación e apuntou que "é imposible ser totalmente felices se non facemos deporte, por iso temos que apostar polo deporte, e moito mais por un tan sacrificado e tan duro como é o ciclismo". "O Froiz é un club ciclista do que nos temos que sentir orgullosas e orgullosos, polos vosos éxitos deportivos e polos valores que representades e que fan que alí onde vaiades sexades unha gran referencia. Eu me sinto moi orgullosa de todos e cada un e vos", dixo a presidenta provincial.

A presentación do equipo contou coa presenza de Manolo Saiz, exdirector do grupo Ciclista ONCE/Liberty, que este ano foi o padriño de honra para un GD Súper Froiz que presentou ante o Pazo Provincial a súa renovada plantilla. Sobre o invitado, a presidenta da Deputación de Pontevedra afirmou que "é parte da miña familia porque o meu pai era un namorado deste deporte e cando falamos de Manolo Saiz falamos dun imprescindible do ciclismo".

O director do equipo pontevedrés, Evaristo Portela, que leva o temón desde a súa fundación explicou que “o equipo está preparado para afrontar os retos que trae esta temporada” e que “comezamos con ilusión un ano no que adestraremos duro para acadar os obxectivos que temos fixados”.

Estes últimos días o equipo estivo realizando a súa tradicional concentración de pretemporada con base no Hotel Campaniola coa vista posta na primeira proba do ano, que chegará esta mesma fin de semana co Memorial Manuel San Roma en Almagro. Tras esta carreira o primeiro gran obxectivo da tempada será a primeira proba da Copa de España, que se celebrará no Circuíto do Guadiana o vindeiro 1 de marzo.

Comentarios