A Deputación presenta a edición facsimilar dos tres 'Álbumes de Guerra' de Castelao

O vindeiro 30 de xaneiro celebrarase un acto para poñer en valor a vixencia do legado do escritor de Rianxo

O director xeral de Galaxia, Francisco Castro; o edil Xosé Leal, e a investigadora Diana Vilas. CHRISTIAN FERNÁNDEZ
photo_camera O director xeral de Galaxia, Francisco Castro; o edil Xosé Leal, e a investigadora Diana Vilas. CHRISTIAN FERNÁNDEZ

A Deputación de Pontevedra presentará ao público a edición facsimilar dos tres Álbumes de Guerra de Castelao, realizada pola Editorial Galaxia a partir das láminas orixinais. Será o vindeiro mércores 30 de xaneiro no Sexto Edificio do Museo Provincial nun acto para poñer en valor a vixencia do legado de Castelao. 

O deputado de Cultura e Língua, Xosé Leal explicou este mércores que esta presentación será un dos principais atractivos do acto conmemorativo en relación co nacemento de Alfonso Rodríguez Castelao co que se quere "manter vivo o seu legado" e tamén poñer en valor os fondos sobre a obra do ilustre galleguista cos que conta este Museo. 

O deputado tamén apuntou como obxectivo xeral deste acto "ofrecer novas visións da obra de Castelao e novos xeitos de facelo chegar á sociedade". Este acto, que terá lugar ás 19,30 horas, está aberto ao público xeral ata completar aforo. 

Xosé Leal compareceu este mércores en roda de prensa na Sala Castelao do Museo de Pontevedra, onde se expoñen as láminas orixinais dos Álbumes de Guerra, acompañado do director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e pola investigadora Diana Vilas que participarán no acto conmemorativo do mércores 30 xunto ao escritor Xesús Alonso Montero, que foi o encargado de elaborar un estudo crítico que acompaña á edición facsimilar. 

O acto conmemorativo incluirá un pincho elaborado polo alumnado do CIFP Carlos Oroza, recreando o menú servido nunha cea no Casino de Pontevedra en 1918 e que fora ilustrado por Castelao.

PRIMEIRA EDICIÓN FASCIMILAR PERFECTA. Durante a súa intervención Francisco Castro destacou que esta é a "primeira edición facsimilar perfecta" que se fai dos Álbumes de Guerra e é "a primeira vez na historia que se volven a publicar tal e como eran nos orixinais", asegurou. 

Esta edición consta dun estuche que inclúe os tres álbumes, Galicia mártir, Atila en Galicia, e Milicianos, e un estudo do escritor Xesús Alonso Montero titulado Tres páxinas excelsas da plástica cívica. O Guernica galego de Castelao (e outras estampas)'. 

O director da Editorial Galaxia dixo ser consciente da importancia de toda a obra de Castelao "nun momento como este, no que parece haber voces que cuestionan a Memoria Histórica". A Editorial Galaxia realizou unha primeira impresión destes estuches especialmente para a Deputación de Pontevedra e, cara a finais de ano, previu realizar unha segunda tirada que sacará ao mercado.

MODERNIDAD. Pola súa banda, a investigadora Diana Vilas centrará a súa achega nas notas de carácter artístico que "dotan de modernidade a estes álbumes" e que ofrecen unha "concepción patética da guerra, renunciando a concederlle a condición de espectáculo e situándose ao lado das vítimas". 

Diana Vilas tamén analizará aspectos como a presenza da muller na guerra indicando que esta é aínda una das cuestións "pendentes" de estudar en Castelao como "un estudo transversal sobre a concepción das mulleres ou dos nenos e nenas na súa obra".

Comentarios