A Deputación pretende impulsar o interese pola ciencia na sociedade

A Academia Galega das Ciencias traerá a Pontevedra parte das súas actividades
2019080718123838679
photo_camera Carmela Silva, á dereita, na reunión do martes con Juan Manuel Lema e Alicia Estévez. DAVID FREIRE

Promover o interese pola ciencia entre a sociedade é o obxectivo común de dúas entidades: a Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega das Ciencias, que o martes abriron vías de colaboración para facer realidade esta arela.

O presidente da institución científica, Juan Manuel Lema Rodicio, e a vicepresidenta, a pontevedresa Alicia Estévez Toranzo, participaron nunha reunión no Pazo provincial coa presidenta da Deputación, Carmela Silva. Foi "unha primeira toma de contacto", segundo explicou este organismo nun comunicado.

Estas conversas materializaranse na posta en marcha de "proxectos e accións comúns que transmitan á cidadanía o aprecio pola ciencia". Tamén está previsto descentralizar de Santiago de Compostela as actividades que desenvolve a Academia para podelas levar aos grandes focos de poboación galega, como é o caso da provincia de Pontevedra.

Silva aplaudiu o motivo do encontro xa que, como lembrou, "desde a Deputación de Pontevedra levamos catro anos liderando, e neste mandato será un obxectivo principal, a promoción da transición ecolóxica xa que estamos convencidas e convencidos de que o noso planeta está en perigo".

Así mesmo, asegurou que "debemos mudar hábitos a través da ciencia porque a xente non quere perder a súa calidade de vida: debemos crear unha nova que será moito mellor porque será respectuosa co medio ambiente".

Para Carmela Silva, "o feito de levar a cabo accións de divulgación científica, a pé de rúa e pensadas para un público xeral e non especializado, é unha decisión intelixente, porque a xente quere saber o que lle está a pasar ao noso planeta e porque desde as institucións públicas debemos ser quen atraiamos a paixón pola ciencia".

PROSPERIDADE. Deste xeito, asegurou a presidenta, "estas actividades permitirán á Deputación de Pontevedra avanzar no seu modelo de administración: nova, que promove o cambio e que conecta coa cidadanía".

Por outra banda, Silva lembrou que a importancia de transmitir o valor da ciencia entre a sociedade tamén reside en que "sen coñecemento e innovación ímolo ter moi difícil para ser unha sociedade digna ou crear emprego de calidade, xa que na ciencia é onde vai residir o novo liderado do mundo". Do mesmo xeito, apuntou que "a ciencia constrúe a crítica racional e unha sociedade baseada no coñecemento, con moitas máis garantías de ter un futuro próspero".

A Real Academia Galega das Ciencias naceu en 1977 co obxectivo de promover a ciencia e a tecnoloxía e a súa influencia na sociedade, difundindo a cultura e os valores científicos e creando opinión desde a independencia, para contribuír ao desenvolvemento social e económico de Galicia. Para este ano ten deseñado ciclos de conferencias divulgativas nas sete cidades galegas.

Comentarios