A Deputación reivindica o compromiso artístico de Castelao no aniversario do seu nacemento 

Durante o acto presentouse oficialmente a edición especial dos álbums de guerra realizada pola Editorial Galaxia

Alonso Montero, na súa intervención durante o acto no Museo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Alonso Montero, na súa intervención durante o acto no Museo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Deputación de Pontevedra celebrou este mércores un acto no Sexto Edificio do Museo para pór en valor e reivindicar o compromiso artístico de Castelao, como conmemoración do aniversario do seu nacemento. 

Durante o acto, o deputado Xosé Leal indicou que a arte comprometida de Castelao "segue sendo un aceno de identidade de todos os galegos" e puxo en valor o legado do autor rianxeiro nun coloquio no que participaron a investigadora da Universidade de Vigo Diana Vilas, o escritor e académico Xesús Alonso Montero, e o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro. O acto foi pechado polo alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, e pola presidenta da Deputación, Carmela Silva. 

Durante este encontro presentouse oficialmente a edición especial dos álbums de guerra realizada pola Editorial Galaxia, dos que a presidenta da Deputación destacou que permiten "enxalzar a vixencia do legado" de Castelao e "non esquecer o que sucedeu" en Galicia e en España, "para que sirva como un elemento de reflexión cara ao futuro". 

"Vivimos un momento convulso, de mentiras tóxicas, de furia, de falta de reflexión profunda, e eu creo que é máis necesario que nunca mirar cara atrás, analizar con seriedade e rigor o que sucedeu, para que non volva suceder", dixo Silva. 

A presidenta provincial lembrou que "moitas veces as situacións que acaban en conflitos bélicos veñen de antecedentes de convulsión que non parten da racionalidade, senón das emocións máis primitivas". Sobre este aspecto da obra de Castelao tamén se manifestou Xosé Leal, afirmando que "nuns momentos nos que existen certas malas interpretacións do significado da súa obra en relación á memoria" é necesario "ser firmes na defensa do seu ideario".

ÁLBUMS. O director de Editorial Galaxia, Francisco Castro, presentou a edición especial dos álbums, nun estoxo que inclúe o tres tomos: Galicia mártir, Atila en Galicia e Milicianos, así como un estudo do escritor Xesús Alonso Montero titulado Tres páxinas excelsas da plástica cívica. O Guernica galego de Castelao (e outras estampas). 

Castro explicou que esta edición foi posible grazas a que o Museo de Pontevedra facilitou a obra orixinal dixitalizada, co que se logrou a "primeira edición facsimilar perfecta destas obras". 

Comentarios