A Deputación súmase á Semana Global de Acción polo Clima

Baixo o lema 'A provincia que queres é sostible', desenvolverá do 20 ao 27 unha axenda propia diaria con diversas actividades
A deputada Iria Lamas e a presidenta provincial, Carmela Silva. DP
photo_camera A deputada Iria Lamas e a presidenta provincial, Carmela Silva. DP

A Deputación inicia este venres unha axenda de actividades con motivo da Semana Global de Acción polo Clima, que se extenderá ata o día 27 e que a institución pontevedresa desenvolverá baixo o lema 'A provincia que queres é sostible'. A presidenta, Carmela Silva, xunto á deputada de Transición Ecolóxica, Iria Lamas, presentou onte o programa de accións diarias elaborado para "poñer de manifesto que as administracións locais temos a obriga de impulsar medidas para frear a crise climática", dixo.

Mañá será o Día Mundial da Limpeza, polo que a Deputación lanzará a acción 'Coidemos o noso', unha campaña específica nas redes sociais para concienciar á poboación sobre a necesidade de coidar das paraxes naturais e dos ecosistemas.

O domingo 22 será o Día Mundial sen Coches, así que o Goberno provincial desenvolverá a acción 'As persoas protagonistas', con creatividades centradas na mobilidade e nas infraestruturas sustentables. Ademais, a presidenta adiantou que se vai instalar un aparcadoiro para bicicletas no Edificio Administrativo da Deputación e ampliarase o xa existente no Pazo Provincial.

O luns 23 celebrarase o Cumio sobre a Acción Climática na ONU, onde a Deputación de Pontevedra tamén "estará presente", posto que, segundo sinalou Silva, lle ten trasladado os seus compromisos ao enviado especial para o Cumio, Luis Alfonso de Alba, centrados na consecución dun nivel de calidade de aire seguro para a poboación da provincia e na harmonización de políticas sobre cambio climático e contaminación do aire para 2030.

Silva explicou que os compromisos da Deputación centraranse na posta en marcha de medidas de mobilidade sustentable; tamén na colaboración con outras administracións na elaboración e aprobación dun Plan Local de Mellora da Calidade do Aire e no intercambio de experiencias a través da plataforma de BreathLife. Ese mesmo día, a institución provincial lanzará unha acción relativa á Economía Baixa en Carbono e Aforro Enerxético a través das redes sociais.

O martes 24, a acción vertebrarase arredor do consumo sustentable. Deste xeito, situarase no Pazo Provincial un stand con produtos de comercio xusto e anunciarase a posta en marcha dun convenio para a adquisición de novos colectores de residuos sólidos en Príncipe Felipe. O mércores 25, a aposta da Deputación serán os produtos de proximidade. Baixo o lema 'Quilómetro Cero', instalaranse na Avenida de Montero Ríos stands con información sobre diferentes campañas. O xoves 26 estará centrado no turismo sostible e desenvolverase unha acción no Concello da Estrada centrada na visita ás e aos produtores de mazá para sidra ecolóxica.

A axenda 'A provincia que queres é sostible' rematará o venres 27, día no que terá lugar unha folga xeral mundial. Neste eido, o lema da Deputación é 'Emerxencia Climática' e baixo esta denominación desenvolverase unha tripla acción que abrangue dende unha moción sobre emerxencia climática (que se presentará no Pleno que se celebra ese día), ata un parón de 4 minutos e 15 segundos entre as 11.00 e as 12.00 horas e, pola tarde, a conferencia 'O espazo natural como ámbito de vida' por parte de tres expertas.

Comentarios