A derrota do domingo en El Toralín, a menos amarga para o Pontevedra

O equipo granate ten o coeficiente particular gañado coa Ponferradina e o Valladolid B, os dous rivais que lle poden arrebatar a cuarta praza
Álex González co balón no partido do domingo en El Toralín
photo_camera Álex González co balón no partido do domingo en El Toralín

Perder sempre é amargo, pero menos cando na derrota o equipo vencido é capaz de alcanzar un pequeno obxectivo. É o caso do Pontevedra Club de Fútbol. O cadro adestrado por Luisito foi quen de conservar o coeficiente particular de goles coa Ponferradina, a pesar de verse superado polo conxunto berciano.

Sete puntos de marxe O Pontevedra chega ás seis últimas xornadas con 54 puntos, por 47 dos bercianos 

O Pontevedra vencera en Pasarón por 2-0, mentres que caeu por 1-0 o domingo.

De tal maneira, en caso de empate a puntos ao remate do campionato, o once da cidade do Lérez quedaría clasificado por diante do once de Ponferrada.

O Pontevedra tamén resultaría beneficiado do empate a puntos co Valladolid B, o outro bloque implicado na pelexa polo cuarto posto de Segunda División B. A escadra vallisoletana logrou o triunfo pola mínima nos anexos do José Zorrilla (2-1) no envite da primeira metade do curso, mentres que o conxunto de Pasarón gañou na segunda volta (2-0), polo que tamén resultaría beneficiado das igualadas a puntos cos pucelanos.

O que aínda se descoñece é o que sucedería no caso dun empate entre os tres equipos, debido a que o filial dirixido por Albés e a Ponferradina aínda non disputaron o seu partido no campo de El Toralín.

Calendario esixente O Pontevedra enfrontarase á Cultural e a equipos que pelexan pola salvación 

Na primeira volta, o cadro branco e violeta bateu por 2-0 á escadra que daquela preparaba Pedro Munitis.

Actualmente o Pontevedra ten 54 puntos, sete máis cós seus dous principais perseguidores na carreira por obter unha praza de promoción de ascenso.

O once de Luisito ten por diante seis encontros dun gran nivel de esixencia para certificar o seu pasaporte para a promoción.

Empates favorables A igualada a puntos coa Ponferradina e o Valladolid B favorecería ao PCF

O próximo sábado recibirá ao que era líder ata a semana pasada, a Cultural Leonesa (20.00 horas, Pasarón). Posteriormente deberá xogar contra varios conxuntos implicados na pelexa pola permanencia. O desprazamento a Somozas para enfrontarse ao pechacancelas; o envite na casa contra o Coruxo; a visita ao Boiro, que se está xogar a permanencia na categoría; o duelo en Pasarón contra o penúltimo clasificado, a Arandina, na penúltima xornada, e o desprazamento a Mieres para medirse ao Caudal, son os partidos que lle faltan ao Pontevedra para concluír a Liga.

Pola súa parte, a Ponferradina ten que medirse aínda ao Valladolid B, Burgos e Tudelano no seu territorio e viaxar a Ferrol (Racing), Villaviciosa (Lealtad) e Pamplona (Osasuna B).

O Valladolid B ten que recibir aínda ao Tudelano e a Cultural Leonesa, mentres que deberá desprazarse a Izarra, Pamplona, Ponferrada e Somozas.

Se queren disputar o play-off, bercianos e pucelanos deberán sumar oito puntos máis có Pontevedra nas seis semanas que faltan para acabar o curso.

Comentarios