Dezaoito iniciativas participan na nova aceleradora Es-Conecta

Biopranaworld ofrece un servizo de biotratamento para a descomposición de materia orgánica con microorganismos

De esquerda a dereita, Fernando Rey, Luis Miguel Barros e Carla Salazar, socios dun dos proxectos da aceleradora, Biopranawolrd, xunto á administrativa Paula Rey. CEDIDA
photo_camera De esquerda a dereita, Fernando Rey, Luis Miguel Barros e Carla Salazar, socios dun dos proxectos da aceleradora, Biopranawolrd, xunto á administrativa Paula Rey. CEDIDA

Dezaoito proxectos empresariais do sector da economía social foron seleccionados para participar na primeira edición aceleradora Es-Conecta, un programa que se suma á rede de aceleradoras da Xunta StartIN Galicia, e que estará centrado no impulso de proxectos de economía social.

En concreto, é unha aceleradora dentro do proxecto Poctep-Laces, que busca reducir os riscos e tempos de posta en marcha e consolidación de proxectos empresariais neste eido.

Os diferentes plans que foron elixidos nesta nova convocatoria abarcan temáticas relacionadas co medio ambiente e a biotecnoloxía, a educación e a formación e as novas tecnoloxías.

 Hai que subliñar que dúas destas propostas empresariais pretenden contribuír á integración de persoas en risco de exclusión social.

A maiores, nesta aceleradora estarán incluídas ideas relacionadas co deseño de negocios que precisen instalación física, coa saúde, cos servizos audiovisuais, coa alimentación e coa cosmética nacida do viño, entre outras.

Os devanditos dezaoito proxectos superaron con éxito a fase selectiva do proceso na xornada Startup Day, que incluíu dinámicas para potenciar a creatividade dos emprendedores, mellorar a súa comunicación, as súas dotes de negociación e o traballo en equipo.

XORNADA DE SELECCIÓN. Na xornada de selección, celebrada o pasado 30 de xaneiro na cidade de Vigo, os emprendedores participantes puideron abordar aspectos como o análise do tipo de investimento que se precisa para os seus respectivos negocios, potenciar a capacidade de argumentación e facer unha escoita activa ou incentivar as habilidades na xestión dos conflitos.

En total, foron 56 as ideas empresariais que optaron á aceleradora, e na primera escolla elixíronse un total de vintecinco proxectos, que participaron na xornada de selección.

A partir de agora, os emprendedores dos dezaoito proxectos seleccionados recibirán asesoramento ata o mes de xuño.

Durante este tempo, estarán baixo a supervisión dun equipo de especialistas e participarán nun conxunto de accións baseadas na formación, a titorización, o coaching, a mentorización e o apoio no acceso a financiamento externo.

"É unha oportunidade para recibir asesoramento e formación"

Un cóctel de bacterias que traballan en sinerxia como catalizadores da descomposición de materia orgánica. Ese é o equipo co que traballa Biopranaworld, a firma pontevedresa de biotecnoloxía que plasmaron hai dous anos José Fernando Rey, Luis Miguel Barros e Carla Salazar e que forma parte da selección de empresas que participan na primeira aceleradora Es-Conecta.

A pesares de ser unha start up, ata un total de 700 gandarías do norte de España xa empregan de xeito manual ou automático o Activador de Biopranaworld, un produto que se utiliza neste sector para a descomposición dos puríns. "O que fan os microorganismos cos que traballamos –conta José Fernando Rey– é acelerar o proceso de descomposición dese purín, o que axuda a reducir ata nun 90% o cheiro. Isto o acadan porque estas bacterias aceleran a fermentación e desprazan ás que producen putrefacción. E, por outra banda, este sistema tamén axuda a manexar o purín. As nosas bacterias o que deixan é un purín totalmente licuado e degradado, é como se quedara un xel moito máis doado de manexar".

Ademais destas vantaxes, destaca Rey, outro dos beneficios que xa están notando os gandeiros é o maior benestar dos animais, no senso de que se producen menos infeccións, así como a mellor calidade do abono resultante. "Fertiliza moito mellor, porque o purín é un alimento para as nosas bacterias e entón se desenvolven e multiplican moitos millóns de veces". "É algo moi importante –engade Carla Salazar– a nivel xeral. Non só para gandeiros, senón para a sociedade en xeral, que a aportación de microorganismos o que fai é enriquecer o solo e restaurar a súa vida microbiolóxica, algo que é practicamente inexistente neste intre na maioría dos solos".

Ademais da gandaría, o activador ten uso doméstico e en negocios como biodesatascador natural de tuberías, e tamén na compostaxe.

Para Carla Salazar, entrar na aceleradora Es-Conecta, que promove a Xunta, é toda unha oportunidade para Biopranaworld. "A primeira vantaxe é o acceso ao coaching en diferentes ámbitos empresariais. Somos aínda unha pequena start up e nesta etapa necesitamos asesoramento, coaching e oportunidades de crecemento nese ángulo", indica. "Despois –engade–, tamén nos vai aportar a posibilidade de facer networking con outros empresarios da economía circular, obviamente coa idea de crear sinerxias ou apoios entre outras cousas. E finalmente a Administración ofrece unha posibilidade de financiamento para a aceleración da empresa. Temos moitos proxectos a desenvolver e o financiamento pode darnos a oportunidade de crecer dunha forma máis exponencial".

Salazar salienta por esta razón o papel da Administración autonómica como apoio á economía social a través destos programas "que fomentan e apoian o emprendemento, a creación de emprego, a oportunidade de crear e expandirse, así como o coñecernos e facer sinerxias e círculos".

Comentarios