O Día da Galiza Mártir resiste a covid para seguir reivindicando a Bóveda

O acto conmemorativo promovido polo Concello de Poio e a Fundación Alexandre Bóveda prescinde este ano do xantar popular, mais incorpora un "concerto pola memoria"
2020081511541222806
photo_camera Valentín Bóveda, Marga Caldas, Luciano Sobral e Raquel Rodríguez co cartel do acto. CDN

Un ano máis, A Caeira acollerá o Día da Galiza Mártir, que se celebrará o vindeiro 17 de agosto no concello de Poio. Así o confirmou a concelleira de Memoria Histórica do municipio, Marga Caldas, ao presentar na mañá de venres o programa, acompañada polo vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda, Valentín Bóveda, o alcalde Luciano Sobral e a edil de cultura Raquel Rodríguez. Malia os cambios derivados nova normalidade, Caldas sinalou ter considerado "de suma importancia seguir mantendo o acto conmemorativo, tamén por reivindicación da laboura do noso compañeiro Alexandre".

O acto institucional comezará ás 13.00 horas na Caeira, perante o monumento que desde 1996 honra a Bóveda. Porén, a diferenza doutras ocasións, este ano o lugar terá unha capacidade limitada polas cadeiras coas que contará a zona, que estará cortada ao tráfico tanto por diante como por detrás do monolito. Amais, a raíz dos cambios impostos polo protocolo covid, a duración do acto vaise ver reducida. Secasí, contarán coas intervencións de Amalia Bóveda, o alcalde Luciano Sobral, e a propia concelleira de Memoria Histórica. A continuación terá lugar a tradicional ofrenda floral, que o consistorio fará xunto coas outras institucións presentes no acto. Este ano, amais da Deputación e do Concello de Pontevedra, que xa confirmaron a súa asistencia, Caldas apuntou ter tamén remitido "o convite á Xunta de Galiza, porque entendemos que ten que ser un acto onde todas as institucións vaiamos da man, esteamos unidas e reivindiquemos este día".

Un día no que por vez primeira tamén cobrará especial protagonismo a cultura, da man dun concerto "pola memoria" a cargo do cantautor Seso Durán, quen "fai unha loubanza para todas aquelas persoas que temos que recoller na nosa memoria e honrar", nas verbas da concelleira. Algo compartido por Bóveda, quen tamén apuntou a necesidade de traballar en distintos eidos para chegar a públicos distintos coa memoria, "porque unha sociedade sen memoria ten unha cultura bastante pobre". O lugar escollido para a actuación musical será a praza de Riestra, un espazo non só conforme á nova normalidade, senón que tamén cargado de simbolismo por mor de atoparse moi preto de onde foi asasinado o galeguista.

O galardoado este ano co XV Premio Día da Galiza Mártir é o xa finado Antonio Nores, presidente da Asociación da Memoria Histórica de Cangas, "merecente" segundo Bóveda "dun premio que recoñece un labor de traballo vital, posto que el traballou durante toda a súa vida neste senso. Ademais, é unha homenaxe tamén póstuma porque, aínda que lla fixemos en San Simón no seu momento, toda esta etapa está sendo complexa para facer homenaxes grandes, co cal farémoslle todas as pequenas que nos dea cabida facerlle".

A entrega do premio terá lugar ás 19.00 horas no cemiterio de San Amaro, enmarcada na ofrenda cívica perante o sartego do galeguista e após a misa de aniversario das 18.00. Na Boa Vila, o BNG local ten previsto un acto político ás 20.30 en Curros Enríquez.

Comentarios