Diego Ameixeiras: "A novela negra é para mim unha ideoloxía, unha posición moral"

O escritor é un dos autores que visitaron a Festa dos Libros de Pontevedra

Diego Ameixeiras. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Diego Ameixeiras. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Di a crítica que Diego Ameixeiras está a renovar a novela negra galega e a poñer o listón ben alto. O autor de títulos como Asasinato no Consello Nacional, Tres segundos de memoria ou Conduce rápido é un dos autores que visitaron onte a Festa dos Libros de Pontevedra. Falou e asinou exemplareas da súa nova obra: A crueldade de abril.

Neste libro fala de persoas sen fogar. Deixouse de falar destes temas despois dos momentos máis graves da crise económica?

Eu penso que non, o que pasa é que, se cadra pola velocidade coa que se produce a actualidade,  hai xerarquías para todo, tamén na información. Hai feitos que pasan máis desapercibidos porque a actualidade de temas de máis impacto acaban tapando as historias terribles que ocorren cada día. Houbo un tempo no que fomos moi conscientes dunha situación de crise moi grave con moita xente vivindo baixo o limiar da pobreza. Foi imposible manter esa tensión informativa e agora vivimos na postcrise. Se cadra xa non lle damos visibilidade a ese problema.

Describe un mundo moi cruel. É ese o concepto que ten da sociedade?

Pode ser que teña unha visión pesimista do ser humano e do mundo en xeral. Iso non quere dicir que non pense que o ser humano é capaz das mellores cousas. Quería escribir unha historia moi escura na que se vise unha violencia irracional que existe e todos levamos dentro. Na novela, todos os estoupidos de violencia que aparecen acaban tendo unha explicación social. Todos temos unha parte violenta que e a min apetecíame abordar dende o xénero negro sen esquivala, nin idealizada, sendo directo, evitando ser colaboracionista coa realidade e adornala. Non é tano unha visión pesimista do ser humano, senón unha visión realista do que somos.

"A historia da humanidade escríbese con estes tres sentimentos: amor, odio e vinganza"

O libro divídese en tres partes:amor, vinganza e odio. Que relación hai entre estes tres sentimentos?

O amor e o odio están claramente relacionados. A vinganza ás veces é consecuencia do amor e do odio mal entendido. Na novela cóntase unha historia de amor, a dunha vinganza, e o odio é ese sentimento que teñen moitos personaxes da novela. Son vasos comunicantes entre sí. Todos vivimos calquera deses tres sentimentos nalgún momento da nosa vida. O mellor é sentir amor, por suposto, porque é o motor que máis nos move como persoas. Pero ás veces o amor pode levarnos ao odio e á vinganza. De feito, a historia da humanidade constrúese con eses tres sentimentos. A idea de poñerlle eses nomes aos capítulos da novela foi para darlle un certo aire de traxedia. Quixen explicar a través de tres actos o amor, o odio e a vinganza.

Na novela hai unha poetisa, que é unha muller sensible superada polas circunstancias. Representa a algunha persoa ou colectivo?

A poesía e as persoas con sensibilidade son o oposto á violencia. Quen ten sensibilidade poética traballa internamente coas emocións, ten empatía con todo o mundo... Este personaxe está mentalmente fóra da sociedade, ten o estigma dunha persoa cuxa cabeza funciona de xeito peculiar e o resto dos personaxes non a comprenden. Contar a historia do crime dunha persoa con sensibilidade pola poesía enfatiza a miña idea de poñer en polos opostos a violencia e a poesía, o amor e o odio. Non ten máis carga simbólica que a de sinalar que a súa morte é invisible socialmente e que teñen unha sensibilidade que non sempre é comprendida.

Ten historias pendentes de escribir que non pertenzan ao xénero da novela negra?

Sempre pode haber algunha cousa, pero realmente este é o xénero no que me atopo máis cómodo. Esta é a miña forma de entender o mundo, para min é case unha ideoloxía ou posición moral. Dino moitos escritores que eu admiro e eu comparto ese punto de vista. Aínda que non queira escribir novela negra, por algunha extraña razón sempre conto historias nas que intento contar o mundo a través da violencia ou os sentimentos máis escuros do ser humano.

Comentarios