Dimiten catro primeiros membros da xunta xeral da Cofradía de Portonovo para forzar eleccións

O cese do actual patrón maior, Juan José Besada, foi proposto formalmente na xunta desta fin de semana
undefined
photo_camera Juan José Besada. ARCHIVO

Catro membros da xunta xeral da Cofradía de Pescadores San Roque de Portonovo presentaron este luns a súa dimisión, e agárdase que durante a xornada deste martes o fagan outros tres, ata que se completen as oito que son necesarias para forzar eleccións na entidade, despois de que a primeira delas se producira hai xa mes e medio.

Así o explicou o vicepatrón, Miguel Otero, quen encabeza un sector de socios que pretenden revocar do seu cargo ao actual patrón maior, Juan José Besada, pasando Otero a ocupar o seu lugar. Besada atópase, nestes momentos, no ecuador do seu mando, de catro anos, para o que foi elexido hai dous.

O sector da xunta xeral que pide o cese do actual patrón maior, e no que tamén se atopan ata tres membros do cabildo, xa presentou na xunta desta fin de semana a proposta formal de moción de censura que, segundo explica Otero, "foi aprobada", se ben houbo dous apoios que se "botaron atrás" no último momento, pasando de ser oito a seis.

Se a moción prospera por esta vía, o seguinte paso sería sometela a análise e votación no cabildo, estrutura na que o voto do patrón maior conta dobre en caso de empate, segundo os estatutos. Por este motivo, e para eludir ao cabildo, o sector que impulsa a moción optou por forzar as eleccións presentando as súas respectivas dimisións.

"É o único xeito de que a moción vaia para adiante, porque o cabildo contrólao o patrón maior", declarou Otero. O actual vicepatrón, ademais, expresou o seu malestar porque a xunta xeral do sábado cuestionou a participación dun dos membros do organismo, ao ter pasado este de mariñeiro a armador. Dado que este membro en concreto pertence ao sector crítico co actual patrón maior, o vicepatrón calificou o sucedido de "ameazas".

O vicepatrón agarda que este martes se completen ata oito dimisións para eludir ao cabildo

O malestar interno no entorno da Cofradía de Pescadores San Roque é unha cuestión que xa se fixera notar nos últimos tempos. O actual patrón maior, Juan José Besada, explicou que "non agardaba" unha moción de censura, xa que "en dous anos non tiven constancia dunha soa queixa por escrito". Neste sentido, asegura que, coa presentación formal da moción de censura ante a xunta xeral do sábado, foi a primeira vez que se lle notificou tal circunstancia de xeito formal.

Aínda que Besada fora consciente previamente de certos malestares no seo da Cofradía, "en ningún momento recibín queixas formais, xa que as que hai, teñen que saír na xunta". "Ás veces hai que facer as cousas dun xeito e a xente quéixase porque non lle pode gustar a todo o mundo, pero outra cousa é que ti fagas algo que vai en contra da legalidade, como non é o caso", explicou o patrón maior.

MOTIVOS. A pesar de que o malestar interno por parte dun sector de socios xa viña de lonxe, a moción de censura veu motivada por unha circunstancia en concreto, como foi a entrega dun departamento portuario por parte de Portos de Galicia a "un barco de fóra, no canto de entregarllo a un de Portonovo".

Así o explica o vicepatrón, quen denunciou o que este sector de socios calificou como "pasividade por parte da Cofradía". Segundo Otero, ao quedar o departamento libre pola xubilación do anterior ocupante, "a Cofradía non se moveu e, en vez de entregarllo a un barco de Portonovo, foi para un de fóra". Pola súa parte, o actual patrón maior valorou que esta circunstancia, que aconteceu hai algo máis dun mes, é unha decisión "que tomou outra xente", polo que non está de acordo co motivo que impulsa o seu cese.

Á marxe da presentación das primeiras dimisións por parte do sector crítico con Besada, que se formalizaron na tarde do luns co obxectivo de acadar as oito necesarias para forzar as eleccións, se o proceso da moción de censura seguira o seu cauce habitual, pasaría ao cabildo despois de terse presentado o sábado na xunta xeral. Neste sentido, o procedemento podería dilatarse ata o mes de xaneiro, e o actual patrón maior cre que "non prosperará dende o cabildo, a xulgar polas maiorías". A pesar da actual situación, Besada reafirmou a súa vontade de continuar traballando. "Levamos un ano pésimo porque non hai vendas, e non queremos que a Cofradía saia mal parada".

Procedemento | "Non podemos romper o prestixio da Cofradía" 
Ademais do obxectivo de forzar as eleccións a través da dimisión de varios membros da xunta xeral, o procedemento para cesar ao actual patrón maior está seguindo os trámites pertinentes, dende que o sábado se presentou formalmente na xunta xeral.

Neste sentido, a solicitude de baixa do patrón maior debe estar argumentada cunha exposición de motivos que pasan ao cabildo, entidade que se encarga de analizalos, e que agarda reunirse a finais desta semana ou, como mínimo, en oito días. Se os motivos son de peso, convocaríase unha xunta extraordinaria, que votará se as eleccións prosperan. 

O actual patrón maior, que expresou as súas dúbidas sobre a continuidade do proceso por este cauce (sería necesario o voto favorable de dous tercios da entidade), salientou que "a Cofradía ten que seguir coa súa traxectoria, que ata agora foi intachable, e ten un prestixio que non podemos romper. Hai que cumprir cos estatutos e os regulamentos".

Comentarios