O directo de Montefusco encabezará as actuacións do FICBueu 2019

O concerto será o 7 de setembro e as entradas poderanse mercar desde xuño

Enric Montefusco. CEDIDA
photo_camera Enric Montefusco. CEDIDA

O artista barcelonés Enric Montefusco encabezará as actuacións musicais do 12º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBueu), que se desenvolverá do 6 ao 14 de setembro.

O concerto terá lugar o sábado día 7 no Centro Social do Mar, onde este referente da escea alternativa presentará entre outros os temas do seu segundo disco en solitario, Diagonal, que saíu á rúa a pasada fin de semana.

As entradas para a actuación poranse á venda o vindeiro 15 de xuño na web www.ficbueu.com.

"Enric Montefusco leva vinte anos sobre os escenarios, nos que a súa busca de novos formatos e métodos de expresión identifícano coma un dos músicos máis creativos, arriscados e inclasificables do panorama estatal, un artista libérrimo que non coñece fronteiras. Pero se algo ten caracterizado a súa traxectoria, e polo que foi aclamado por unanimidade, é a calidade e potencia dos seus directos, da cal poderemos gozar no FICBueu2019", indica a organización do festival.

Gravado xunto aos instrumentistas que lle acompañan desde o inicio da súa traxectoria como solista, neste novo álbum Enric Montefuco "sublima a súa proposta sonora e ratifica o seu compromiso literario desde unha insubornable conciencia poética e tamén política. Tras o abrazo á música popular que supuxo o seu celebrado debut, Meridiana (2016), o ex líder da banda de hardcore punk Standstill continúa explorando os mecanismos da canción", engade.

O repertorio afía a crítica social e "recrea con crueza un atípico percorrido biográfico, con intelixentes toques de ironía e chegando ao cumio emocional no tema adicado ao fillo do tamén compositor", puntualiza a organización do FICBueu.

O single de adianto deste novo traballo, Quien abre camino, espertou a curiosidade de público e crítica hai pouco máis dun mes cun impactante videoclip, que chegaba despois do EP colaborativo Coros de media noche, onde Enric Montefusco contou con artistas como Nacho Vegas, Albert Pla ou El Niño de Elche.

Comentarios