Opinión

Discrepancia

As diferenzas enriquecen e fortalecen os desiguais puntos de vista, igual que as discrepancias enriquecen, fortalecen e sácanlle zume o diálogo e á negociación

ANDAN OS tempos revoltos e hai quen pensa que é por culpa da política, debido ao desentendemento entre uns e outros, por mor da pouca atención que se lles presta aos obxectivos, aos principios, aos intereses colectivos e aos intereses dos outros. Andan os tempos revoltos, avoltos como o viño quente. E, cadaquén co seu voto, a única ferramenta que ten, fai da súa capa un saio para a sorpresa dalgúns, para deixar como pasmóns ou bocaabertas a moitos. Ante todo a aqueles que teñen a acción política como profesión.

As diferenzas enriquecen e fortalecen os desiguais puntos de vista, igual que as discrepancias enriquecen, fortalecen e sácanlle zume ao diálogo e á negociación. En política é fundamental a discrepancia, imprescindible para acadar acordos. Poida que por tal razón, aquelas persoas que queiran vivir da política sexan as máis interesadas en fabricar inimigos, discrepantes nas formas, opoñentes, adversarios e rivais capaces de, cando faga falta, dialogar, falar e acordar. Malo sexa!

Disentir é bo, é necesario para debater, para contrastar puntos de vista, programas, opinións e, incluso, razóns. Como dixo José Saramago, é un dos dereitos que lle faltan á Declaración de Dereitos Humanos, a que determina que «a vontade do pobo é a base da autoridade do poder público». Esta vontade -engade- expresarase «mediante eleccións auténticas». Que lles parece, amigos lectores? E, que lles parecerá aos representantes dos distintos partidos políticos?

O respecto parece que é a clave. Respecto e liberdade para opinar, falar e discrepar. A palabra é a ferramenta para o diálogo e o diálogo é o camiño principal para avanzar na negociación, para impoñer a cultura da igualdade entre os homes e as mulleres, na seara onde medran as discrepancias, na estivada onde renace o maltrato, onde se achica o valor do voto e o pobo perde temporalmente o interese.

Os dirixentes, para dar pasos firmes, é conveniente que anden cos pés na terra e asimilen que o credo que fan público diante dos electores sexa enteiramente o que profesan. Os políticos, segundo o parecer da Tía Manuela, deberían resolver as discrepancias e as diverxencias internas e, despois, escoitar moito máis, observar e, aínda que sexa en silencio, actuar e dar creto á verdade.

Comentarios