Opinión

Do goberno de coalición só pode quedar un...

A MEDIDA que van avanzando os días e trascenden os contactos entre os líderes socialistas e as distintas formacións políticas susceptibles de darlle o "si quiero" a Pedro Sánchez para que poda superar a sesión de investidura e logre formar un goberno estable para arrancar a nova lexislatura vese que o nivel de esixencia dos principais actores do necesario acordo vai en aumento exponencial e correlativo á premura que ten o socialista en tranquilizar aos mercados internacionais e á Unión Europea ofrecendo un novo Gabinete.

Si Pedro Sánchez tiña difícil antes das eleccións sacar adiante as súas políticas, despois do 10-N o novo panorama e reparto de escanos no hemiciclo non o deixa nunha situación mellor. A esto hai que lle sumar a perda dun escano do PNV a prol do Partido Popular do País Vasco o cal obriga a Bildu a ter que absterse dunha forma activa para permitir que o socialista goberne en segunda ronda de votacións no Congreso.

A esta circunstancia, coa que Pedro e os seus xa contaban, haille que engadir agora a sentenza do Caso dos EREs de Andalucía onde 19 altos cargos da Junta foron condeados na fraude máis elevada da democracia española e que censura a actitude de dous presidentes nacionais do PSOE, como son Manuel Chaves e José Antonio Griñán, dous ex ministros socialistas tamén e no caso de Chaves, vicepresidente do goberno de José Luis Rodríguez Zapatero. Esta mala noticia, non por eso menos esperada aínda que postergada ata despois das eleccións do 10-N como debe ser..., vaille dificultar a Sánchez non so o entendemento con Unidas Podemos (sobre todo pola súa banda andaluza) senón tamén polo que respecta a Ciudadanos que ven con peor agrado favorecer, agora, o ascenso ao poder dos socialistas no goberno do estado.

Pero non paran aí as malas novas. É certo eso de que a can flaco todo lle son pulgas e agora a Unión Europea, calados como corresponde ata finaliza-lo proceso electoral de hai escasos 11 días, xa comezan a facer públicas as súas esixencias e onte xa a Comisión Europea apremiou a Pedro Sánchez a que, canto antes, formalice goberno e presente unha actualización dos orzamentos para evitar incumprimentos orzamentarios. Así, os homes de negro da Unión Europea esixen xa uns recurtes duns 9.600 millóns de euros para "correxir o excesivo gasto público" e eso que aínda non escomezamos a cuadra-los programas económicos e sociais derivados do acordo con Unidas Podemos e os demais actores e colaboradores necesarios na xestación e auténtico parto de risco no que se está a converter o alumbramento dun novo goberno, este de coalición cuestión antes nunca vista na democracia española.

De tódolos xeitos xa se apresurou a dicir Nadia Calviño, a todopoderosa ministra de Economía e previsible vicepresidenta do novo Gabinete de Pedro Sánchez, que non se vai máis que a retocar as leis vixentes en materia laboral e que non se vai a derroga-la Reforma Laboral xa que o despido en España "é un dos máis caros e máis altos de Europa", ante o silencio cómplice dos sindicatos de clase...

Estando así as cousas e tendo como nexo de unión o desexo irrefrenable dos respectivos líderes do PSOE e de Unidas Podemos de manterse no poder, no caso do primeiro, e de chegar a el, no que se refire ao segundo, non cabe a menor dúbida de que atoparán o prezo e o equilibrio axeitado para que o chamado Goberno Frankenstein sexa unha realidade.

Feito o cal, e aguantado o que aguante, o resultado será un proceso de fagocitamento natural de uns sobre outros en función de cales sexan as políticas imperantes na propia acción de gobierno cotiá do Gabinete. Así, si Unidas Podemos se pliega ás políticas socialdemócratas e neoliberais perecerá electoralmente falando a prol dos socialistas e si, pola contra, as reformas que preconizan os podemitas en materia fiscal, de vivenda, laboral, etc. se acaban impoñendo levarán consigo un custe electoral moi importante para os seus socios socialistas.

En fin, que este goberno de coalición, alianza inédita na democracia española, asemella seguir ao pé da letra o que dicía aquela canción que compuxera e cantaba Emilio José, aquel cantautor cordobés dos anos 60 e 70 primo de Julio Anguita, que entonaba algo así: "Ni contigo ni sin ti/Tienen mis males remedio/Contigo porque, me matas/Sin ti porque, yo me muero/Ni contigo, ni sin ti..." ou non?

Comentarios