Un documental sobre Ence supera as 8.500 visualizacións

Iván Pérez elaborou unha peza que quere dar voz a todos os implicados

"Ence si, pero non aí". Así resume o socialista Tino Fernández a postura do seu partido respecto a Ence. A pasteira situada en Lourizán, foco dunha polémica desde hai anos que se agudizou nos últimos meses debido á prórroga que lle permite seguir na ría 60 anos máis e que agora está en tela de xuízo, é a protagonista dun documental de case 23 minutos que supera as 8.500 visualizacións en Youtube. O seu tráiler, de 60 segundos, pasa xa das 10.000.

O seu autor é Iván Pérez, un veciño de Lourizán que puxo en marcha o proxecto Savia Nova, que "tivo unha enorme repercusión mediática tanto a nivel local e autonómico como nacional", lembra. De feito bautizáronos como O Youtuber do Monte polos vídeos relacionados con incendios forestais ou o minifundismo.

A repercusión é tal que este mesmo xoves participou en Madrid como experto asesor nas xornadas Megaincendios, promovidas pola Fundación Felipe González, onde compartiu espazo con expertos de todo o país nesta materia e co presidente de Greenpeace España.

O último traballo de Savia Nova é sobre "un dos conflictos máis candentes de Galicia e principalmente do sector forestal", a continuidade de Ence na ría de Pontevedra.

Este último traballo, "o de máis calidade sen lugar a dúbidas, que nada ten que envexar a formatos televisivos", presenta o conflito "nun formato único que non abordou ningún outro traballo audiovisual" e empeza ofrecendo unha batería de datos que repasan a historia da factoría en Lourizán, o camiño á súa privatización, o gasto de auga (36 millóns de litros diarios ao día en 2017), a polémica prórroga ou o feito de que o 25% do territorio galego estea ocupado por eucaliptos, a materia prima da fábrica.

Así mesmo, inclúe testemuñas tan diversas como a dun traballador da fábrica, a dunha veciña, a dun enxeñeiro de montes do CSIC e a do presidente da Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Antón Masa. A eles súmanse as declaracións de representantes de todos os partidos políticos con representación política no Concello de Pontevedra.

Son, por este orde, as de María Rey (Ciudadanos), Luís Rei (Marea), Rafa Domínguez (PP), Carme da Silva (BNG) e Tino Fernández (PSOE). Non podía faltar a testemuña do propio Iván Pérez, "como comuneiro, veciño de Lourizán, traballador forestal e comunicador audiovisual", que tamén censura a "defensa" da fábrica que fan os colectivos de mariscadores da ría.

A única voz que falta é a da propia compañía, que "non contestou" ás chamadas de Savia Nova.

Comentarios