Imprimir

'Pontevedra gaña con elas' homenaxea ás heroínas do deporte feminino da cidade

Redacción | 08 de enero de 2021

Estrearase no Principal o venres 15 de xaneiro, nun pase que incluirá un coloquio con varias das súas protagonistas

Pontevedra gaña con elas, producido por Miguel Riaño, guionizado pola xornalista Silvia Vieito e editado polo realizador Fernando Portela, recolle a loita, avances e éxitos profesionais acadados durante as últimas décadas por varias das mulleres da elite do deporte feminino pontevedrés.

O documental, impulsado pola Concellería de Deportes, deixa latente o difícil camiño que estas heroínas tiveron que percorrer para chegar á cúspide das súas disciplinas e obter o recoñecemento que merecen. Así, está protagonizado por deportistas como Ana Penas, Bea Gómez Cortés, Teresa Portela, Paula Carballido, Lydia Pérez Touriño, Chus Sanguos, Silvia Aguete, Águeda Cons, Nieves Gamallo, Lupe Murillo, Mayte Méndez e Charo Castro. 

Deste xeito, a peza foi presentada esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que participaron o seu impulsor, o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, o produtor Miguel Riaño e o realizador Fernando Portela, acompañados por algunha das súas protagonistas. O concelleiro socialista asegurou que estas deportistas de elite "merecen que non se lembren delas unicamente cada catro anos, no mellor dos casos, ou que as súas fazañas poidan caer no esquecemento”.

“Un 5% é a porcentaxe de presencia media das mulleres na información deportiva de ámbito estatal”. Con esta cifra resume Vieito ao inicio do documental a discriminación sexista que aínda sofren a día de hoxe as deportistas á hora de seren visibilizadas mesmo cando chegan a representar ao noso país nas olimpíadas e non paran de bater récords.

Tal e como sinalou Tino Fernández, “este documental cumpre con varios obxectivos: por un lado, visibilizar a situación pasada e presente do deporte feminino, tanto dende a perspectiva das deportistas como dende outros ámbitos como o das adestradoras, as responsables de equipos e mesmo as nais, e trasladar as dificultades que hai ao longo deste camiño; e polo outro, honrar a aquelas mulleres de Pontevedra que traballaron e traballan pola dignidade do noso deporte, para que se coñezan e valoren os seus triúnfos e para que sexan recoñecidas como o que son, triunfadoras e embaixadoras dun modelo de cidade que loita pola igualdade”. “E queremos -engadiu o tenente de alcalde- que serva de estímulo para animar a participar do deporte en tódalas súas facetas, porque precisamos de máis deportistas, responsables de clubs, adestradoras, delegadas de equipo…”.

Segundo avanzou, a estrea oficial do documental terá lugar o vindeiro venres 15 de xaneiro ás 20:00 horas no Teatro Principal. A entrada será de balde, se ben, por mor da situación sanitaria, restrinxirase o acceso a un máximo de 30 persoas, previa inscrición a través do correo electrónico [email protected] 

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/deporte-local-pontevedra/documental-homenaxea-loita-exitos-das-heroinas-do-deporte-feminino-pontevedres/202101082012391120978.html


© 2021 Diario de Pontevedra

Lepanto 5, Pontevedra

Tlfno: 986 011 100

(Grupo El Progreso)


ç