As dornas de Portonovo piden mar

Tras ver alterada toda a súa actividade a raíz da pandemia, a asociación de Portonovo Amigos da Dorna reivindica agora, de xeito máis contundente que nunca, a necesidade de crear un museo flotante no porto para "poñer en valor" as embarcacións tradicionais que conserva, e que considera un "legado de toda a veciñanza"
Praia da Panadeira, unha nova dorna na familia. DP
photo_camera Praia da Panadeira, unha nova dorna na familia. DP

'JATIÑA', 'Bicoca', 'Coninha' e, por suposto, a famosa dorna nai, 'Surfeira', son algunhas das oito embarcacións tradicionais que atesoura a asociación Amigos da Dorna, que leva décadas velando pola preservación destas pezas, que considera un "legado de todos os veciños e veciñas de Portonovo".

Detrás de cada recuperación dalgunha destas embarcacións típicas da zona hai un traballo de restauración a conciencia, co obxectivo de devolvelas ao mar para que os veciños e veciñas "poidan gozar delas". Así o explica o vicepresidente da asociación, Alejandro Piñeiro, que durante os últimos meses viu paralizada toda a actividade do colectivo, como a XII Regata Sepelo, o Desembarco en Ons, a xuntanza de setembro ou o curso de navegación, a pesar de que a preocupación pola preservación das dornas non descansou no seo da asociación. "Estivemos facendo o traballo de mantemento dos barcos como calquera ano, porque ao ser labores que facemos en pequenos grupos non houbo problema", explica o vicepresidente, que destaca que "a pesar de ter barcos xa preparados para estar a flote, eramos conscientes de que non iamos poder darlle un uso normalizado, polo que algúns quedaron gardados e deixamos dous máis pequenos para saídas individuais no mar, ademais da Surfeira, que polo seu tamaño non podemos ter gardada".

Emprazamento do futuro museo flotante, solicitado pola asociación. ADNeste sentido, a asociación urxe á creación dun museo flotante, unha actuación que levan demandando á beira dunha década para poder manter as embarcacións no porto de Portonovo, ao alcance de veciños e veciñas, posto que son "patrimonio de todos eles".

O PROXECTO. O museo flotante que demanda a asociación Amigos da Dorna emprazaríase no mesmo porto de Portonovo, no lugar onde se amarran normalmente as embarcacións da asociación. "Queremos acondicionalo para que as embarcacións sexan visitables, e incluso organizar un calendario de visitas guiadas alí. Trataríase de aproveitar o recurso que temos, que son as embarcacións, e ademais teñen o recoñecemento de bens patrimoniais, para crear un punto de interese en Portonovo, vinculado a ese patrimonio que nos gusta", explica o vicepresidente, que busca "dinamizar ese punto de interese coas visitas".

A asociación leva anos perseguindo este proxecto, para o que agora xa ten permiso de ocupación, unha fase na que tiveron que contar co consenso da Confraría, a asociación de mariñeiros xubilados e o club náutico, para que Portos de Galicia os autorizase. "Conseguida a autorización queda unha parte igualmente importante, como é o acondicionamento da instalación. Sabemos que Portos de Galicia non vai investir niso, porque debido ás nosas taxas reducidas, non o van recuperar". Por este motivo, buscan agora a colaboración do Concello de Sanxenxo que, "en principio está apalabrada. O alcalde transmitiunos que lle parecía unha cuestión importante e que quería apoiala", explica.

O Concello de Sanxenxo xa aprobara hai uns anos unha moción en Pleno por unanimidade para apoiar esta cuestión. No sucesivo, "falta levalo á realidade", unha actuación que pasaría polo apoio económico do Concello para a instalación duns brazos de amarre e a mellora da instalación para garantir a súa seguridade e accesibilidade, ademais da instalación de paneis informativos. O vicepresidente confirmou que agardan reunirse nas vindeiras semanas para tratar o tema.

Amigos da Dorna traballa con outras asociacións de talle galego a través da federación Culturmar, pola preservación das embarcacións tradicionais. "Noutros portos como Combarro ou Muros van máis adiantados, e non queremos quedarnos atrás. Sobre todo, porque hai un compromiso de crear unha rede de mariñas tradicionais", asegura.

Comentarios