Imprimir

Dúas que bailaban xuntas

Marica Campo |

Marica Campo | 18 de septiembre de 2020

PÓDESE BAILAR en compaña, secasí interpretar cadaquén a propia danza. É frecuente que, persoas moi posesivas, o fagan amarrando a parella e impoñendo o ritmo, sen deixar que pase o ar polo medio, en contra do que recomendaba o poeta libanés Kahlil Gibran ao se referir ao matrimonio. Elas, non. Elas bailaban ao mesmo son a mesma danza, mais deixándolle unha á outra o seu espazo.

Tiven a fortuna de ver a súa efémera coreografía unha tarde destas en que o outono, sen aínda chegar, envía, como nos vellos tempos, unha tarxeta anunciando a visita, unha folla de bidueiro verdiamarela. Velaí a cor do traxe da primeira das danzantes. A outra era unha bolboreta semellante a aquelas que voaban sempre arredor de Mauricio Babilonia, o personaxe de Cien años de soledad, o que tiña un amor furtivo con Renata Remedios Buendía. Polas bolboretas amarelas, sabía Renata cando o seu amante se achegaba. A causa, segundo algún entomólogo, sería unha cuestión de feromonas. Emitiríaas o home, a semellanza dos machos da familia piérides, e atraería así a estes insectos femias. O único certo, a imaxinación, con raíz galega, de García Márquez.

A pequena folla de bidueiro non precisou emitir feromonas para atraer a lepidóptera. Foi abondo co seu movemento sen rumbo para que esta a acompañase a unha certa distancia, non máis dun minuto, até que aquela pousou no chan a súa levidade e a bolboreta se perdeu, a voar entre as pólas dun carballo.

Por aquí hai moitas menos bolboretas que outrora. Malia todo, aínda aparecen con certa frecuencia, case sempre de unha en unha, sen compañeiras coas que tinguir o ar de beleza. Se cadra por iso teñen que aproveitar a caída das follas para non bailar en soidade.

Como unha moi querida amiga miña –tería agora 104 anos– que, xa nonaxenaria, cando non tiña parella, bailaba cun mantón. "Isto non se pode aguantar" –dicía cando escoitaba un pasodobre ou outra música que lle movese os pés.

Penso nela, que morreu coidada e acompañada en familia. Penso tamén nos velliños e velliñas que, por diversas circunstancias, están en xeriátricos baixo o coidado de persoas que, en principio, lles son alleas até que medra o afecto mutuo. Eles e esas persoas que os asisten están a pasalo mal, moi mal. A pandemia é coma un raio, atravesa paredes. Ninguén ten a culpa.

Non esquezo o cariño con que, aló por marzo, o persoal da residencia do Incio e doutras animaba e entretiña aos usuarios e usuarias con actividades e aloumiños. Era o seu «non pasarán». Mais o virus pasou agora. Nesta traxedia, estamos con todos e todas as que a sofren. Non danzarán esta triste baila sen o noso apoio.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /opinion/marica-campo/duas-bailaban-xuntas/202009181344021104366.html


© 2020 Diario de Pontevedra

Lepanto 5, Pontevedra

Tlfno: 986 011 100

(Grupo El Progreso)