Dúas persoas feridas en Redondela nunha colisión entre dous turismos

As afectadas  foron trasladadas ata o centro hospitalario de referencia

Dúas persoas resultaron feridas esta tarde en Redondela nunha colisión na que se viron implicados dous turismos. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, foi necesario excarcerar a unha das vítimas, ao quedar atrapada no interior dun dos vehículos accidentados.

O sinistro produciuse na estrada que une Redondela e o aeroporto, á altura da parroquia de Cedeira.

Foi unha persoa particular quen alertaba do ocorrido ao 112 Galicia ao fío das 14:55 horas e, decontado, os xestores do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil de Tráfico, a Protección Civil da localidade e aos Bombeiros do Baixo Miño e de Vigo.

Finalmente, as dúas persoas feridas no sinistro foron trasladadas ata o centro hospitalario de referencia.