Opinión

É a lei para o home ou ao revés...?

ULTIMAMENTE estanse prodigando nos medios de comunicación noticias relativas a determinados fallos xudiciais que acaban por chamar a atención da cidadanía, ou noutros casos, provocando unha auténtica sorpresa, cando non a indignación, por feitos que consideramos un tanto chocantes ou polo menos disonantes co que consideramos como “sentido común”.

Nesta ocasión non vou falar de sentenzas xudiciais que obrigan ás nais a deixar aos seus fillos coas súas ex parellas acusadas de violencia de xénero ou incluso inmersos en investigacións sobre abusos contra as seus propios cativos, aínda que recentemente volveu ser motivo de controversia e actualidade, senón que esta vez voume centrar noutro tema que está a remove-la conciencia cívica e a opinión pública a raíz da condena dun mozo que socorreu a unha vítima dun roubo, saíu en persecución do presunto ladrón, alcanzouno, forcexeou con el e, a consecuencia do rifirafe, o autor do “tirón” caeu ao chan e levou un mal golpe que lle causou a morte.

A raíz deste incidente o mozo auxiliador foi condeado a dous anos de cadea e a unha indemnización para as fillas do falecido duns 178.000 euros que, presuntamente, levaban tempo sen ver nin ser atendedidas por parte do finado. Así, aínda que se dixo nun primeiro momento que o mozo tería que ingresar en prisión, as últimas noticias falan de que a Fiscalía estaría de acordo en que non se executara a sentenza e incluso se di que desde o goberno se estaría en disposición de concederlle o indulto, si así o pedira…

Os xuíces, é certo, que deben aplicar "estrictus sensus" o código penal e moitas veces, cando hai un baleiro legal, sería normal que interpretaran de xeito positivo e con sentido común a razón desas leis

Saberán vostedes que tamén unha coñecida formación política a nivel estatal, atenta sempre ao oportunismo mediático, fixo unha recoleta para facer fronte a esa indemnización de 178.000 euros aínda que o mozo xa anunciou que rexeitaba calquera axuda económica dese partido que aproveita o “río revolto” para intentar facer “caixa” electoral…

Pero o quid da cuestión e o que hai que solucionar desde o ámbito lexislativo é correxir dun xeito eficaz a normativa que teñen que aplica-los xuíces para que este tipo de situacións que, a priori, van en contra do sentido común acaban tendo unha aplicación Kafquiana de difícil entendemento e menos explicación ante o común dos mortais...

Por que cal é a mensaxe que se está a desprender desta sentenza? pois que cando vexas un altercado similar ao anteriormente descrito mira cara outro lado e si che acusan de omisión de socorro, faite o sueco e di que non te enteraches… 

Agora en serio: Señores lexisladores deben facer ben o seu traballo para que a lei cumpra a súa función de ser xusta, equilibrada e ademais de garantir os dereitos dos actores no proceso e que non se acabe convertindo nun coladeiro e inseguridade para os cidadáns de boa vontade que cos seus actos de socorro e auxilio en lugar de ser considerados como heroes, por protexer a unha vítima, acaben véndose metidos nun embrollo de consecuencias insoportables.

Non estou decindo con esto que se favoreza a “Lei do Talión” nin que ninguén se arrogue a prerrogativa de tomarse persoalmente a xustiza pola man, pero haberá algún punto intermedio no que o cidadán auxiliador e de comportamento axeitado non remate por cargar con toda unha serie de perxuizos que lle provocarán que, en situacións parecidas, fuxa despavorido como gato escaldado…

Os xuíces, é certo, que deben aplicar “estrictus sensus” o código penal e moitas veces, cando hai un baleiro legal, sería normal que interpretaran de xeito positivo e con sentido común a razón desas leis, pero tamén é certo que á hora de xulgar hai que ter claro o que di a lei e non tanto o que quixo dicir polo que en aras de solucionar graves problemas, que se están a producir con demasiada reiteración, sería interesante precisar o máximo posible e fiar fino para evitar este tipo de consecuencias indesexadas e non ter que recurrir nin á solidariedad cidadá a través da recadación por medio dun “crowdfounding” nin ter que confiar na “magnanimidade” dun consello de Ministros para que, pola vía do indulto, se corrixa unha presunta inxustiza. 

Nun estado de dereito avanzado como o noso e con experiencia suficiente, fáganse as cousas como é debido, apliquemos o sentido común e fagamos realidade aquela frase bíblica que sentenza: “É a lei para o home e non o home para a lei”, ou non?

Comentarios