A asamblea de veciños e comerciantes acordaron este mércores iniciar as obras de reforma da rúa Echegaray “canto antes”. Esa data será cara finais de maio ou primeiros de xuño, aínda que o Concello era partidario nun principio de adialo ata despois do verán.
Segundo informou o goberno local, as obras comezarán unha vez que a empresa concesionaria do ciclo da auga, Viaqua, encargada de realizar esta reforma, teña contratada a empresa e xestionados todos os trámites administrativos previos.
No encontro que mantiveron os concelleiros Demetrio Gómez e Raimundo González coa asemblea, tamén se chegou ao acordo de realizar os traballos secuencialmente, é dicir, iniciar primeiro por unha marxe e, ao rematar, continuar coa seguinte.
Tamén decidiron manter dúas liñas de estacionamento (a cada marxe da rúa), en liña e de servizos. Durante os traballos manterase o acceso aos veciños para os garaxes e tamén para servizos, agás necesidades moi puntuais da obra. De cara ás festas de verán, a previsión é que se suspenda a obra, que terá un custe de 696.064,21 euros e un prazo de execución de seis meses. O proxecto contempla cambiar a rede de saneamento por ambos lados, a rede de augas pluviais e a canalización eléctrica.