Opinión

Efectos mortais

UN LABREGO da montaña do Sur de Lugo estaba sorprendido pola visita dun par de homes da cidade que se achegaron á cortiña ao pé da casa onde el vivía, para ver a espontánea produción das herbas malas que había. –E, vostedes quen son? Que queren? Que fan? Para onde van? De onde veñen?,... Varias preguntas e ningunha resposta. Aqueles homes calaban, miraban e ollaban nas beiras dos regatos. Apertaba o nó da bufanda, o que a levaba e o outro, coa man que non tiña no peto, retrataba as plantas que tanto lles gustaban. –Vostedes que queren? –Buscamos a planta da escopolamina, da familia das solanáceas, señor! –Non sei cal é esa planta, pero anden con coidado que moitas das do arredor e da beira da presa son velenosas.

–Queren beber un vaso de viño? Aquí hai moito estramonio, unha planta perigosa e medicinal noutras épocas. É a herba do demo, a figueira tola ou do inferno. Se algún animal come o seu froito alucina, perde o sentido. Menos mal que é cheirenta e ese cheiro que bota, tan grande como desagradable, repele ao gando e fai que todos os animais afasten o nariz dela. A natureza é sabia, señoritos!

Menos mal que é cheirenta e ese cheiro que bota, tan grande como desagradable, repele ao gando e fai que todos os animais afasten o nariz dela

Efectivamente, unha das drogas da actualidade, a burundanga ou, como dicían en linguaxe máis fina aqueles forasteiros, a scopolamina sitúase entre as substancias perigosas para quen a toma e, porén, para a sociedade toda, que debe impedir a intoxicación dos seus membros, que debe evitar, con todos os medios, a amnesia dos cidadáns e ese estado de languidez no que os introduce a droga, por natural e caseira que sexa.

A Oficina das Nacións Unidas contra a Droga e o Delito (UNODC) publica anualmente un extenso informe relativo ás drogas, ao consumo e ás consecuencias das mesmas. No de 2018 indícase que o número de persoas en todo o mundo que consumiron drogas, polo menos unha vez no ano, dende 1916, anda polos 275 millóns, aproximadamente o cinco con seis por cento da poboación mundial de entre quince e sesenta e catro anos.

O problema ten dimensións internacionais, é de carácter intercontinental e intercultural. É un problema social serio ou moi serio, grave ou moi grave e preocupante para as familias. A marihuana, ao parecer, é unha droga elixida pola xente nova, pola xuventude "divino tesouro". E, a burundanga? Quen controla o consumo desta substancia natural con efectos mortais?

Comentarios