Entre Veiga de Brañas e Busmayor: sete quilómetros e moitas distancias

A pesar de ser pobos veciños que sempre mantiveron contacto, hoxe carecen dunha estrada en condicións que os conecte
Veciños do pobo fronteirizo lugués Veiga de Brañas, no límite entre Lugo e León, co alcalde de Barjas, do Bierzo
photo_camera Veciños do pobo fronteirizo lugués Veiga de Brañas, no límite entre Lugo e León, co alcalde de Barjas, do Bierzo

Un día calquera en Veiga de Brañas, aldea de Lugo lindeira co Bierzo. Os seus habitantes, sentados como están, case poderían atinxir coa vista a aldea de Busmayor, de Barjas. Por iso, cando chega o alcalde deste municipio, Alfredo de Arriba, pregúntanlle que tal está este e outro veciño. Sen embargo, se quixeran visitalos terían que percorrer unha pista de terra que abriu o Concello de Barjas hai moitos anos, e pola que non pode pasar calquera coche. A estrada asfaltada dá unha volta de vinte e tantos quilómetros onde só hai sete. Un exemplo entre moitos de como a Administración marca fronteiras onde non as hai.

Antes os camiños percorríanse a pé. Alfredo de Arriba recorda como do seu pobo saían homes e mulleres calzados con galochos e madreñas para vender os seus produtos na feira de Pedrafita. A poeta berciana Carmen Busmayor, natural desta aldea, tamén o lembra. "La gente tenía mucha relación, llevaban los cerdos a vender a Pedrafita, o el vino a Visuña. Y mis padres hablaban gallego", indica.

Pero os vellos camiños esvaecéronse, como o pasto deixou paso ao monte. O esmorecemento do rural trouxo consigo a desaparición de moitas das feiras e da xeografía humana que artellaban. As fronteiras administrativas fixéronse notar co avance da industrialización e das súas infraestruturas, estradas que, paradoxicamente, os separaron. Os medios de comunicación tamén axudaron a conformar outro territorio, simbólico, que tivo como referencia esa fronteira.

Os veciños de Busmayor , sen embargo, seguen pedindo unha estrada que os leve a Pedrafita, para non ter que dar tantas voltas cando van á feira. "Aínda temos costume de ir alí pasar o día e comer o polbo, e sería moi bo para nós, e tamén para eles", comenta o alcalde, que está disposto a asfaltar a súa parte.

Bo sería tamén para o turismo. O faial de Busmayor, un dos máis importantes da Península, e onde Carmen Busmayor organiza en agosto o festival de poesía Versos en el hayedo, está a catro quilómetros de Visuña, no Courel. Tanto é así que un dos camiños que antano marcaban os pasos dos veciños de Barjas era, precisamente, o que os levaba ás fontes da Rogueira.

Que pode ser máis significativo da proximidade entre uns e outros que beber da mesma fonte? Faltan, sen embargo, as mesmas estradas, ou plans conxuntos de promoción turística. Poucos son os quilómetros que separan Veiga de Brañas de Busmayor, pero moitos os camiños que faltan para ir dun sitio a outro.

Comentarios