Un equipo de andar pola casa

O Pontevedra é o peor visitante de tódolos candidatos a disputar a promoción de ascenso ▶As derrotas nos últimos tres desprazamentos ligueiros afástano da zona de play-of

Os xogadores do Valladolid B láianse ante Berrocal tras errar unha xogada nos Anexos José Zorrilla. MIGUEL ÁNGEL SANTOS
photo_camera Os xogadores do Valladolid B láianse ante Berrocal tras errar unha xogada nos Anexos José Zorrilla. MIGUEL ÁNGEL SANTOS

O Pontevedra CF é tan fiable como local como irregular cando actúa como visitante. O conxunto dirixido por Luismi é o peor forasteiro de entre tódolos candidatos a disputar a fase de ascenso no grupo I de Segunda División B. Leva dez puntos en once duelos a domicilio, feito que condiciona a súa meta de disputar a promoción. Os datos do bloque de Pasarón convérteno no sétimo peor conxunto fóra da casa do grupo. Nesa faceta, ademais dos favoritos da categoría, tamén o superan escadras que están moi por debaixo na clasificación, como o Celta B, o Salamanca CF UDS, o Internacional, o Burgos e o Las Palmas Atlético.

O once pontevedrés conseguiu tres triunfos e un só empate nos duelos que afrontou lonxe do seu terreo de xogo. Perdeu en campos de rivais directos, pero tamén o fixo en escenarios de escadras que pelexan pola permanencia na categoría.

Leva tres saídas consecutivas sen sumar. Caeu contra o Atlético de Madrid B no último choque da primeira volta, con claridade (2-0). Volveu perder hai dúas semanas contra a Cultural Leonesa, nunha das viaxes, a priori, máis complexas para a escadra da cidade do Lérez, e volveuno facer este domingo contra o Valladolid B nos Anexos José Zorrilla, perante unha escadra que non se atopaba no seu mellor momento.

Clasificación como visitantes no Grupo I da Segunda División BOs gorismos a domicilio do Pontevedra están lonxe das mellores cifras de equipos como o Atlético de Madrid B ou a Cultural Leonesa. O filial vermello e branco é o once máis eficaz fóra da casa. Sumou 19 puntos nos doce duelos que disputou lonxe do Cerro del Espino, exactamente os mesmos que a Cultural Leonesa. O equipo madrileño ampara a súa boa dinámica de resultados na súa capacidade para puntuar en tódolos partidos, independentemente do escenario, mentres que a Cultural está amortecendo os efectos perniciosos da súa irregularidade no Reino de León cos puntos que vai colleitando lonxe da casa.

Un dato significativo, ademais, é a cantidade de goles que recibiu nos desprazamentos o Pontevedra: as goleadas contra o Internacional de Madrid e o Guijuelo tiveron influencia nese dato.

Dos tres triunfos que obtivo lonxe dos seus dominios, dous foron nos campos de escadras que ocupan as últimas posicións e unha no dun rival directo na pelexa pola promoción, o actual líder, o Fuenlabrada. Daquela, Arruabarrena marcara diferenzas ao transformar dúas dianas.

Non é algo novo para o bloque granate. De feito, o estraño sería que o Pontevedra fose un cadro solvente como visitante.

Nas tres temporadas anteriores, amosou unha grande irregularidade fóra da casa. Mesmo na campaña na que disputara a promoción de ascenso a Segunda División A, a 2016-17, os granates só foran quen de levar o triunfo de tres campos de España. O que sucede é que no remate da temporada pasada e en moitas fases da primeira volta da actual a tendencia parecía terse modificado. É máis, se o PCF acadou a permanencia no campionato pasado debeuse aos triunfos contra o Navalcarnero e o Valladolid B a domicilio.

COPA. Na Copa RFEF o equipo de Luismi ten un rendemento mellor. De feito, nas dúas viaxes que acometeu ata agora, non perdeu. Venceu en Langreo (1-2) e empatou contra o Navalcarnero (1-1).

O problema para o Pontevedra é que ten aínda oito partidos pendentes como visitante, algúns deles contra adversarios directos por ocupar as primeiras posicións, como a Ponferradina, o Coruxo e o Real Madrid Castilla. Se quere pelexar cos mellores, o cadro pontevedrés deberá mellorar moito a domicilio.

Baixas. Kevin Presa e Campillo perderán o partido contra o Internacional

Luismi non poderá botar man de Alberto Campillo e Kevin Presa para o partido que o Pontevedra disputará o próximo domingo contra o Internacional de Madrid en Pasarón.

O central vigués e o centrocampista ponteareán causarán baixa debido á sanción motivada pola acumulación de cinco cartóns amarelos. Ámbolos dous viron a quinta amoestación da serie o pasado domingo no encontro que medía ao bloque de Pasarón e ao Valladolid nos Anexos José Zorrilla.

No caso de Kevin, ademais, tería complicada a súa participación debido a que rematou o enfrontamento en chan castelán con problemas físicos nas costas, como confirmou Luismi ao rematar o duelo.

Cando menos, o técnico poderá recuperar a Víctor Vázquez para a cita dominical, despois de que o zagueiro de Marín cumprise o seu partido de suspensión en Pucela.

Comentarios