Vídeos

A Escola de Música de Vilaboa encara a fin do confinamento cos acordes de Lady Gaga

A Escola de Música de Vilaboa e os 50 alumnos e alumnas que forman parte da súa banda uniron esforzos nas últimas semanas para manterse ao día na preparación dos seus temas e na aprendizaxe cos seus instrumentos. Ademais de clases telemáticas, que seguen con éxito os alumnos desde fai case un mes, veñen de estrear unha peza colectiva gravada con axuda do seu director e dos seus mestres na que poñen a proba a capacidade do conxunto da banda para abordar unha peza moderna como o tema Just Dance de Lady Gaga.

Daniel Filgueira destacou o esforzo dos cativos e cativas que fixeron probas e ensaios antes de mandar a mellor versión para esta peza coral na que contaron todos coa colaboración de Marta Valiño Freire, Marketta, que forma parte do grupo de Roi Casal e que ten colaborado coa Escola de Música de Vilaboa en outras ocasións.

A peza estreouse no perfil de Facebook da banda e na canle de Youtube a pasada fin de semana e leva medio milleiro de visualizacións. "Os músicos da Banda da Escola de Música de Vilaboa levamos desde o 11 de marzo sen tocar xuntos e botámolo moito de menos, pero a música é maxia e pode unirnos a través da distancia", pode lerse ao principio da peza. Os acordes dos mozos e mozas de Vilaboa stan dándolle folgos tamén a moitos conveciños vilaboeses para manterse animados no proceso de volta á normalidade despois da crise sanitaria.

Comentarios