A Escola de Música de Vilaboa volve á actividade con máis alumnos que antes da pandemia

O estricto protocolo de seguridade anticovid non frea a esta escola-banda, que retomou a actividade hai escasos días  Os alumnos poden seguir as clases presencialmente ou por Internet
Alumno durante una clase de saxofón. DP
photo_camera Alumno durante unha clase. DP

Hai menos de dez alumnos por clase. As aulas prácticas de instrumento, son, de a dous: mestre ou mestra e alumno ou alumna. Algúns dos estudantes, de momento, dous, seguen as aulas por streaming desde casa por decisión propia para manter a máxima seguridade contra o coronavirus. Para ensaiar na súa disciplina, manda audios ou conectan en directo cos mestres, por zoom. O resto, acude, un a un, e esperan na porta da Casa da Cultura de Riomaior. Un mestre diríxese á porta e abre para recibilos e levalos á clase.

Éntrase por un lado e sáese por un carreiro distinto. Nas aulas, se o alumno ou alumna toca na sección de vento, permanece parapetado por unha mampara transparente cedida polo Concello e a tres metros do mestre como mínimo. Nos ensaios, limpa a tuba, frauta ou instrumento, e bota o papel a un cubo do lixo con tapa. Os alumnos máis pequenos aprenden separados por varios metros, sentados no chan.

Así é a nova normalidade da Escola de Música de Vilaboa, que vén de retomar a súa actividade con varias novidades aínda máis sorprendentes que todo o estricto formato ao que obriga a pandemia. A primeira das sorpresas foi que neste novo curso, o centro ten máis alumnos que no anterior, iniciado en setembro de 2019, no que non se vislumbraban as consecuencias da durísima crise sanitaria.

"En total, temos 139 alumnos e alumnas", afirma o director, Daniel Figueira, que recoñece que chegan novos aprendices de músicos por primeira vez "da zona de Domaio, de Cangas e de outros puntos, e tamén por primeira vez temos lista de agarda porque non hai máis prazas"

O fagote novo, grazas ás rifas

Onde non hai recursos, ten que haber imaxinación. Esa é a máxima que adoptou o equipo da Escola de Música de Vilaboa, que para conservar aos patrocinadores privados (en boa parte, empresas de Vilaboa). Así se conseguiu un fagote novo co que unha alumna se instruirá nesta disciplina. "Fun a un restaurante de Cobres, Mauro, e expliquei a situación. Axudáronnos a financiar unhas rifas e conseguimos vendelas todas", di o mestre. O instrumento, mesmo sendo de segunda man, custou miles de euros, pero a solidariedade empresarial e social permitiron que o instrumento chegara á alumna xa a principio de curso. 

SEN CONCERTO DA BANDA. A escola de música, que desde os seus inicios conta co mesmo plantel de mestres e mestras, (máis dunha ducia), non ten este ano aula de extensión en O Toural, porque os centros educativos non se poden empregar para outros usos non reglados desde o inicio da crise. Tampouco ten unha das súas principais fontes de ingresos: as actuacións da banda, coas que se costeaban "material, achegas á Seguridade Social e algúns gastos" e que coas restriccións e o confinamento quedaron no camiño.

Todo isto levou a unha suba no prezo das taxas que pagan os propios nenos, de aí que sexa sorprendente a boa acollida que ten esta actividade, mesmo en tempos de crise.

A pesar diso, das limitacións que teñen as axudas oficiais e da crise que están a afrontar moitos dos patrocinadores, o centro conseguiu saír adiante nos tempos da pandemia sen que ningún dos seus cativos perdera a ilusión e sen renunciar a horas de materia, impartir novos instrumentos, ou desenvolver proxectos, como o concerto que preparan para Nadal e que, se mellora a situación sanitaria o suficiente como para celebrarse, contará co acompañamento da voz dunha soprano.

Os alumnos chegan tamén de concellos limítrofes e hai listaxe de agarda, a pesar de que este ano, a crise obligou a subir os prezos das clases

Se sucede o contrario, todo o mundo confía en poder facer xurdir o talento dalgún xeito. Os nenos xa levaron un revés en setembro, cando se suspendeu o seu concerto na Lagoa de Castiñeiras un día antes da aplicación de medidas restritivas por mor da covid-19. "Encaixárono moi ben", di o director, que mesmo se sorprendeu da enteireza que demostraron os alumnos e alumnas.

"O que ten Vilaboa é unha cantidade de talento incrible. Aquí os nenos, por algún motivo, están especialmente dotados e implicados coa música e esta escola o único que quere é responder a ese interese",conclúe o director do centro.

Comentarios