A escultura acapara os Novos Valores

Andrea Dávila, Nuria Rodríguez, María del Mar Ramón e Alejandro Rego fanse coas bolsas da Deputación de Pontevedra ► A exposición coas pezas premiadas e co resto das seleccionadas inaugurarase este xoves no Sexto Edificio

Tres pezas escultóricas e unha montaxe fotográfica fixéronse este ano cos premios Novos Valores da Deputación de Pontevedra. As esculturas son da autoría de Andrea Dávila (I wish you'd rub your quills against my stomac), Nuria Rodríguez (Voltar) e María del Mar Ramón (Homeworks). As fotografías son de Alejandro Rego (Representación nº3. La mano del artista). Os catro recibirán bolsas de estudos de 7.500 euros outorgadas pola Deputación.

As pezas premiadas forman parte dunha exposición, que reúne as 21 obras seleccionadas polo xurado de entre todas as presentadas ao certame e que quedará inaugurada este xoves no Sexto Edificio. Permanecerá aberta ao público ata o 15 de novembro. "Nesta ocasión, é de destacar a abrumadora maioría de mulleres presentes, sendo protagonistas de catro quintas partes da mostra, así como tamén de pezas escultóricas, destacando as sete obras escollidas polo xurado fronte ás catro de fotografía, e apenas tres de pintura e gravado, dúas instalacións, un vídeo e un debuxo", sinala a Deputación Provincial nunha nota aos medios.

MARÍA MAGDALENA. I wish you'd rub your quills against my stomac, de Andrea Dávila, é unha creación de resina de poliéster, fibra de vidro e aceiro enmarcada dentro dun proxecto de investigación doutoral no que examina a relación entre corpo, pel e escultura. Ao mesmo tempo, a peza está inspirada nun fragmento de María Magdalena, de Friedrich Hebbel (1844).

Voltar, de Nuria Rodríguez, é tamén unha creación escultórica, neste caso de cerámica vidriada. A autora, xa participante noutras edicións de Novos Valores, explica que en conxunto a peza pode lembrar un altar cheo de elementos e símbolos representativos para chamar ao recordo dunha infancia perdida no tempo.

Homeworks. 58h 35 min é a proposta de María del Mar Ramón. "Pertence a un proxecto que fala do tempo, a forma de emplealo, os tempos industriais e acelerados contrapostos aos tempos artesanais, lentos e reflexionados", indica a Deputación.

Finalmente, a obra de Alejandro Rego Díaz, Representación nº3. La mano del artista, "é unha serie de nove fotografías realizadas entre os anos 2018 e 2019 presentadas en forma de polípctico que pretenden reflexionar sobre a natureza da mirada humana ás obras de arte e de como esta pode afectar á maneira de mirar o mundo real".

O xurado desta edición de Novos Valores, que escolleu este martes as pezas gañadoras do certame (ao que este ano só podían presentarse menores de 35 anos), estivo formado polo vicepresidente provincial, César Mosquera; polo secretario da Deputación, Carlos Cuadrado; polo director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey; pola directora da galería Trinta e membro da Academia Galega de Belas Artes, María Asunción Rodríguez; polas artistas plásticas e docentes, Itziar Ezquieta e Carmen Hermo; pola historiadora da arte e investigadora Agar Ledo; e polo artista Alfonso Costa.

Comentarios