O espazo para as autocaravanas ampliarase durante os mundiais de tríatlon

Ademais do aparcadoiro de Tafisa, o Concello busca outros emprazamentos próximos

Imagen del parking de autocaravanas de Tafisa. RAFA FARIÑA
photo_camera O aparcamento de autocaravanas de Tafisa. RAFA FARIÑA (ADP)

O Concello de Pontevedra ampliará o espazo de estacionamento de autocaravanas habilitado en Tafisa durante a celebración dos mundiais de tríatlon, entre o 27 de abril e o 5 de maio.

Así o acordou o goberno local tras reunirse coa Asociación galega de Autocaravanas para abordar a súa participación na cita deportiva. No encontro estiveron presentes a concelleira de deportes, Anxos Riveiro, a concelleira de promoción da cidade e turismo, Anabel Gulías, o portavoz da Policía Local, Manuel Omil, e o presidente do colectivo de autocaravanas, Manuel Arruti. 

Segundo informou o Concello a través dun comunicado, ademais da ampliación dese espazo en Tafisa segue a buscar outros emprazamentos próximos para dar cabida "á cantidade de autocaravanas que se prevé que cheguen a Pontevedra" eses días. 

Pola súa banda, Manuel Arruti, ofreceu a colaboración de toda a asociación para facilitar a chegada e aparcamento de autocaravanas, pondo a disposición voluntarios que poidan xestionar os espazos habilitados.
 

Comentarios