Opinión

Está Sánchez?... Que se poña

A ACTUALIDADE política do noso país está estes días para rir por non chorar. Sen querer faltarlle ao respecto a ninguén, teño que dicir que moitos son os memes (é como se chama agora nos ambientes modernos ao que antes eran os chascarrillos, ocurrencias e parodias humorístico-sarcásticas) que estes días pululan polas redes sociais e se comentan nas distintas tertulias de amigos, as poucas que quedan fóra das redes sociais e dos guasaps.

Así o famoso episodio de incomunicación vivido entre Joaquim Torra e Pedro Sánchez, despois dos incidentes violentos vividos en Cataluña a raíz da sentenza do 1-O, se non fora polo serio e grave dos acontecementos, lévame ao meu imaxinario a un daqueles contos e actuacións do grande humorista Miguel Gila, que sempre (moitas veces) aparecía no escenario vestido de soldado, cun casco, acompañado polo seu inseparable teléfono negro, dos de antes, dos de roda...

A escea recollida e divulgada polos servizos de imaxe e comunicación de Quim Torra chamando ao presidente Pedro Sánchez pareceume do máis patético… Sen dúbida sería máis digno que aparecera o gran Gila, co teléfono negro na man, marcando unha e outra vez os distintos números ata completar o acceso ao terminal da Moncloa para dicir aquelo de: "Está Sánchez? Como que que Sánchez? Pedro, o presidente!! Que se poña!!... espero".

Pero o máis grave non foi eso senón que, ao parecer, Quim Torra repetiu a escena ata a saciedade, casi tantas veces como as que o vello cómico socialista levou algún dos seus típicos espectáculos sobre a Guerra Civil, ou sobre os conflictos bélicos en xeral, polos teatros de todo o país, e parte do estranxeiro, e os platós de Televisión Española, sobre todo a de branco e negro, facendo reflexionar ao público sobre a nosa idiosincrasia e a nosa incapacidade racial de non ser quen de resolver as nosas controversias desde un punto de vista da racionalidade e a sobriedade senón todo o contrario, é dicir, a paixón e mesmo a testosterona. De feito, a xulgar polos acontecementos, non nos serviu para nada e imos camiño de facer bo aquel vello dito que reza: "O pobo que non coñece a súa historia está condeado a repetila"...

Afortunadamente esta semana a violencia diminuiu e, aínda que so sexa polos intereses electoralistas dos principais partidos responsables de darlle unha saída satisfactoria ao conflicto territorial catalán, é esta unha boa noticia porque, deixando atrás o sentido común (o menos correntes dos existentes), moitos foron os que botaron contas no bando independentista con aspiracións parlamentarias, e tamén entre os socialistas que gobernan en Madrid, e levantaron o pé do acelerador ante unha situación que ía camiño de se converter nunha auténtica Semana Tráxica, como a que xa viviu Barcelona no ano 1909 aínda que por motivos ben diferentes, ou non tanto...

Outro dos asuntos que non acaban de atopar o momento procedimental axeitado e que teñen que ver coa actualidade nacional, e o interese electoral, e que xunto ao de Cataluña xurde de xeito oportuno para despistar ao persoal do que está a suceder ao seu arredor (non nos esquezamos da sombra dunha nova crise que pulula polo ambiente, azuzada polas recomendacións europeas de contención do gasto público e a ameaza dun Brexit duro e sin contemplacións que afectará dun xeito especial ao noso país, se non ao tempo...), é o traslado da momia do dictador Francisco Franco desde o Val dos Caídos ata o cemiterio de Mingorrubio-El Pardo que, por certo, será levada a cabo por unha empresa funeraria dirixida, non podería ser doutro xeito para un excelente guion para unha auténtica película berlanguiana na que se está a converter a política nacional, por galegos moi coñecidos en Lugo por ser uns excelentes tanatopractores (vamos, que son expertos en maquillar ao cadáver aínda que neste vai ser un caso difícil por non dicir imposible...).

Xa saben vostedes que a idea do equipo pensante da á oeste da Moncloa é que Franco, o dictador, saia polos aires do Val dos Caídos (non é en sentido alegórico ou simulado), senón que me refiro á intención do Goberno de trasladar os seus restos mortais en helicóptero ou, no seu defecto e por causa de condicións metereolóxicas adversas, nun veloz vehículo fúnebre cara o cemiterio de Mingorrubio-El Pardo. Dito operativo, por aquelo de non reparar en gastos como é habitual por unha administración socialistas que se prece, farase por partida dobre (dous helicópteros por si un falla, dous coches fúnebres por si un non arranca) para evitar contratempos de última hora indesexables...

En fin, para acabar de completar o esperpento da nosa política nacional, o que faltaba sería que unha vez retirada a lápida que coroa a tumba de Francisco Franco no Val dos Caídos, se descubrira que o nicho estivera baleiro. Sería de traca despois de tanto lío. Desde logo sería un final de auténtica película berlanguiana para semellante sainete, ou non?

Comentarios