Este Pontevedra séguelle o ritmo aos máis grandes

O Caudal impediu aos granates pechar a mellor primeira volta da súa historia en Segunda B ►O equipo de Luisito sumou un punto menos có da temporada 2006-07, dirixido por Argibay
Luisito e Mario Barco, dous dos artífices da primeira volta do Pontevedra
photo_camera Luisito e Mario Barco, dous dos artífices da primeira volta do Pontevedra

O Caudal Deportivo de Mieres privou ao Pontevedra de dous novos récords ao remate da primeira volta da Liga. O equipo granate pechou o campionato de inverno cun empate que lle impediu conseguir pleno de triunfos como local e ademais quedou a dous puntos de certificar a mellor primeira metade de campionato da historia da Segunda B.

Os 37 puntos que acadou o bloque que dirixe Luisito antes de marchar de vacacións convérteno no terceiro mellor da serie histórica do club nas súas 31 participacións en Segunda División B. De gañar fronte ao Caudal, o PCF tería 39 puntos, un máis dos que acadou na súa plusmarca na categoría de bronce.

O once da cidade do Lérez amparouse no seu rendemento como local para chegar ás vacacións de Nadal nas prazas de promoción de ascenso. Dos dez envites que xogou no campo de Pasarón, gañou nove e empatou unicamente o do pasado domingo contra o propio Caudal.

Na campaña do último ascenso a Segunda, o equipo que preparaba Gay chegou ao ecuador da Liga con 34 puntos

O Pontevedra estivo a piques de alcanzar a marca que obtivo o bloque do curso 2006-07. Daquela, cun equipo de ensoño no que militaban Yuri, Igor, Charles, Rubén Reyes, Vázquez, Bonis, Ormazabal ou Baggio, e que estaba dirixido por Alberto Argibay, finalizou o primeiro segmento da competición con 38 puntos, resultantes das mesmas once vitorias que leva o cadro granate deste exercicio, pero cun empate máis, cinco, e unha derrota menos, tres.

No que vai de curso, o Pontevedra só perdeu contra os equipos que ocupan os primeiros lugares da clasificación. O Racing de Santander, o Celta B, o Valladolid B e a Cultural Leonesa, cronoloxicamente por esa orde, foron os únicos que puideron ata agora co equipo que prepara Luisito.

A traxectoria histórica do bloque granate na Segunda B mantívoo con máis frecuencia na primeira metade da táboa ca na segunda, aínda que as súas tradicionais aspiracións de pelexar por loitar polo ascenso acabaron colapsando a economía da institución en varias épocas e esixiron rescates milagrosos que evitaron a súa desaparición.

No treito final da década dos 80, despois do penúltimo ascenso de Terceira División, o equipo pontevedrés tivo boas campañas, como a 86-87, na que aínda estaba Fernando Castro Santos á fronte do plantel. O adestrador dos récords do Pontevedra pechou a primeira metade da Liga no quinto posto, con 24 puntos (ata a temporada 94-95 as vitorias valían dous puntos e concedíanse positivos e negativos en función dos resultados obtidos polas escadras como locais ou visitantes). Aqueles 24 puntos, resultantes de nove vitorias e seis empates, equivalerían a 33 puntos actuais.

O plantel do Pontevedra ten descanso ata o luns 26, no que regresará aos adestramentos para preparar a segunda volta

Na campaña 88-89, o club hipotecouse para darlle a Crispi un dos mellores planteis do Pontevedra da súa historia na Segunda B. O técnico andaluz pechou o campionato de inverno no sexto lugar, con 25 puntos (oito triunfos, nove empates, 33 puntos dos de hoxe, outra vez).

CRISE INSTITUCIONAL. Na campaña 1992-93, o Pontevedra volveu verse azoutado pola crise económica e institucional, o club quedou sen presidente e os futbolistas e o adestrador, Milucho, asumiron o mando das operacións. As dificultades uniron a aquel conxunto que foi sexto no ecuador da Liga, con 24 puntos que na actualidade valerían 34 (dez triunfos e catro empates).

Ata a era de Nino Mirón o Pontevedra non volveu protagonizar unha primeira volta brillante. Co construtor na presidencia e con Raúl González como adestrador na Liga 2001-02, o Pontevedra finalizou a primeira volta no segundo lugar, batendo tódolos rexistros da entidade ata o momento (37 puntos).

A partir de entón, durante media ducia de anos o PCF fabricou planteis espectaculares a base de talonario e con grande acerto nos futbolistas e nos adestradores elixidos. O Pontevedra disputou seis fases de ascenso consecutivas e pechou as primeiras voltas das respectivas temporadas entre os catro mellores.

As primeiras voltas dos cursos 2005-06 e 2006-07 foron as dúas mellores de sempre, ambas con Alberto Argibay como preparador. Planteis espléndidos plagados de futbolistas de gran calidade, de moitas nacionalidades e de diferentes puntos de España, fichados grazas a grandes orzamentos, colocaban ao PCF entre os favoritos ao ascenso.

Aqueles excesos sen éxito final acabaron poñendo ao club ao borde da bancarrota. O equipo descendeu en 2011 e catro anos máis tarde volveu á Segunda B da man de Lupe Murillo e Luisito. No ano do retorno á categoría, o Pontevedra volveu ser competitivo e volveu facer un grande inicio do campionato que lle permitiu sumar 34 puntos.

Comentarios