Opinión

Estelas nocivas

TEMOS UN problema cos avións. Si, tamén co plástico acumulado no mar, coa deforestación, co inxente gasto enerxético ou con tantas outras agresións medioambientais, pero a cantidade de comunicacións aéreas está afectando decisivamente no clima. E non só polo inmenso consumo de combustible e as correspondentes emisións, senón polas estelas que deixan as aeronaves, que segundo un estudo serio contribúen máis á deturpación climática que os gases de efecto invernadoiro. Os humanos facemos pequenos xestos como colaborar no reciclado de envases usados ou reducir o consumo de plástico (menos bolsas, supresión das palliñas para os refrescos, etc.), incluso as institucións toman medidas para rebaixar a contaminación nas cidades ao restrinxir a circulación nas rúas ou potencian alternativas aos combustibles fósiles, pero os grandes problemas permanecen porque non se vehicula unha política global. Quizais por falta de interese dos líderes mundiais.