Esténdese a outras seis escolas infantís os casos de alerxias polo menú dunha mesma empresa

Ademais das gardarías de O Hío e A Choupana, en O Morrazo, déronse outros casos na Pastoriza, A Sardiñeira, Eirís, Boiro, Mazaricos, e Muros, segundo fontes do Executivo galego
 
Un comedor escolar. XESÚS PONTE
photo_camera Un comedor escolar. ARQUIVO

Os casos de alerxias en pequenos de dúas escolas infantís da zona de Cangas non se limitaron unicamente a esta localidade. Outros centros da provincia da Coruña, cuxa cociña está xestionada pola mesma empresa que serviu os menús de peixe que orixinaron o problema, tamén experimentaron circunstancias similares. 

Ademais das gardarías de O Hío e A Choupana, en O Morrazo, déronse outros casos na Pastoriza, A Sardiñeira, Eirís, Boiro, Mazaricos, e Muros, segundo trasladaron a Europa Press fontes do Executivo galego. 

Todos os casos, que foron "leves", sucederon da mesma forma: a algúns dos pequenos aparecéronlles ronchas e manchas vermellas polo corpo, que desapareceron espontaneamente en menos dunha hora. 

O primeiro foi detectado o pasado venres na Choupana, e a partir de aí varias das escolas afectadas trasladaron o seu caso á Xunta de Galicia. O denominador común é que a súa cociña está xestionada pola mesma empresa. 

As análises realizadas por Sanidade sobre os alimentos servidos aos nenos confirmaron que o menú servido o pasado venres foi a fonte da reacción alérxica. En concreto, o peixe servido nesa xornada. 

Os profesionais da escola, ante as sospeitas de que a orixe das manchas puidesen ser os alimentos, cambiaron rapidamente o menú servido na segunda quenda de comida. 

Os técnicos analizaron o peixe tanto en cru, conxelado como cociñado e confirmaron a presenza dunha sustancia, 'histamina', por encima dos valores normais. 

A causa "máis plausible" é que rompese a cadea de frío nalgún momento do transporte do alimento por parte do distribuidor. De feito, a empresa que xestiona estas cociñas cambiou de provedor de peixe fai menos dun mes. 

Desde a Xunta chaman á calma, posto que se tratou dunha incidencia leve e non dun problema a gran escala, aínda que non descartan que saian máis casos noutros centros que servisen esa partida de peixe. 

Comentarios