Alcalde de Pontevedra

Fernández Lores: "Estou contento coa actividade frenética que están tendo os compañeiros do PSOE"

Di que a Xunta "está a cumprir" coa cidade e pídelle ó Goberno galego "que atenda as peticións" dos expropiados polo Gran Montecelo e que valore as alegacións do Concello coa variante de Alba. Tamén pide a colaboración veciñal coa compostaxe, "unha prioridade para nós". "O que lamento é que haxa forzas políticas que se suban ós composteiros para destruílos", sinala
Miguel Anxo Fernández Lores GONZALO GARCÍA
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores. GONZALO GARCÍA

Vén de cumprir 20 anos como alcalde de Pontevedra e agora empeza o seu sexto mandato consecutivo. Será o último?
Este é o inicio dun sexto mandato. E temos a cabeza posta niso. Temos que estar ‘al quite’ de todo. Se te dormes, lévate a corrente. Se de algo estamos orgullosos aquí é que fomos pioneiros en moitas cousas. Se non estás atento ó partido e non ves o que pasa no mundo, ó final métenche unha ‘chosca’.

"Non somos a cidade sen coches; somos a cidade dos coches necesarios"

Non hai debates de sucesión dentro do Bloque?
Eu dixen no discurso de toma de posesión que tíñamos un Goberno xa feito e cunha ampla base social. E niso é no que estamos centrados.

Pontevedra ten novo bipartito de esquerdas, o cuarto. Que tal está a funcionar a coalición entre o BNG e o PSOE?
Eu valoro moi positivamente todo o Goberno. A min paréceme encomiable a actividade frenética que teñen os compañeiros do PSOE. Estou contento.

O PSOE xa lle fi xo varios reproches ó BNG. Un deles foi co mercadiño de antigüidades, que finalmente se manterá case coas mesmas regras que ata agora. Molestoulle? 
O que houbo aí foi un excesivo apresuramento en tomar decisións que logo se envaiñaron. Puido haber un intento de reproche ó anterior Goberno, pero quedouse en nada. Eu non entro aí. Eu digo que hai ganas de facer cousas e de poñerse ó día. Logo todos nos podemos equivocar, pero sempre hai marxe para rectifi car. É obvio que, ó longo do mandato, haberá diferencias nas formas de entender as cousas. Por ritmos, por conceptos ou por outras cousas.

"O contrato do lixo está obsoleto; en momentos de moita afluencia é difícil dar un servizo pranchado, por iso estamos facendo un novo"

E polas citas electorais...
Si. Cada un ten que intentar arrimar a brasa á súa sardiña (risas). É así. En todo caso, os cidadáns son moi intelixentes e saben o que hai. E valorarán o que consideren conveniente. As ganas que lle está poñendo (o PSOE) para poñerse ó día é encomiable.

A oposición inicia o curso político pedindo unha baixada de impostos. Haberá marxe para facelo?
Nós levamos 20 anos no Goberno. E todas as veces que falamos deste tema, todas, Raimundo (edil de Facenda) saca os baremos. E sempre estamos entre as capitais de provincia con menor presión fiscal. É falso que se diga que aquí hai unha presión impositiva alta. Non. Para nada. Se vas a calquera concello da Comunidade de Madrid ves que ten un IBI tres veces maior que o de aquí. 

Vaise manter a conxelación de todas as taxas e impostos en 2020?
Nós levamos anos mantendo unha conxelación. O que estamos é intentando mellorar a recadación evitando bolsas de fraude. Todos temos que contribuír. Temos os prezos dos servizos públicos dos máis baixos tanto en Galicia coma no Estado.

Pero haberá conxelación en 2020?
Non o sei. Aínda non tomamos esa decisión. Temos que botar contas e facer un anteproxecto de Orzamentos. E aí veremos se coa capacidade impositiva que temos e coa recadación das bolsas de fraude somos quen de manter o ritmo de investimento e de compromiso de servizos que temos nesta cidade, que a min me parecen altos e interesantes. Se podemos dar conta do recado sen actualizar os prezos das taxas, farémolo. Levamos cinco anos facéndoo. Se podemos facelo por sexto ano consecutivo, farémolo. Eu non vou enganar á xente. A min estes políticos que din que van baixar impostos... mire vostede... Os cans non se atan con longanizas. E os euros para pagar os servizos non aparecen debaixo das pedras. Se se quere calidade nos servizos e dar servizos á xente ten que haber unha recadación necesaria e mínima. Canto menos sexa, mellor. Nós non levamos os cartos para a casa.

"Ence ten que marchar de aí. Son comprensivo cos traballadores. Enténdoos; pero hai que buscar alternativas"

Falando de servizos, o PP di que o rural está abandonado. É así?
Esa é unha mentira. Na vida, e eu levo 32 anos no Concello, se gastou nin a décima parte do que se está gastando no rural. É un investimento potentísimo. Que non é suficiente e que hai un atraso histórico? Vale. Pero está habendo un investimento potentísimo en saneamento, en abastecemento, en rede viaria, en iluminación con led, en campos (de fútbol) de herba sintética... Non hai unha parroquia que non teña unha casa de cultura; estamos rematando unha rede de centro sociais; estamos metendo dous ou tres millóns de euros en cada parroquia sen saneamento; estase asfaltando; estanse facendo actividades... Xa poden dicir o que queiran. Eu teño a conciencia moi tranquila. Son dos que penso que hai que investir no rural porque temos que coidalo. É a bolsa de osíxeno da cidade.

Hai algún proxecto que lle gustaría sacar adiante neste mandato?
Imos sacalos todos. Onte (polo xoves) se adxudicou o parque forestal da Tomba. Porase en valor unha masa forestal de 70 hectáreas en Campañó. Tamén está en adxudicación o parque da Fracha. O campo de fútbol de Campañó inaugurarase axiña e nesta parroquia estanse metendo catro millóns en alcantarillado. Se conto o millón do campo e o saneamento dame cinco millóns en dous anos, cando se investiu cinco millóns de euros en Campañó? Son case mil millóns de pesetas. Iso non se investiu en Campañó nos últimos cen anos. Se queren empañar unha labor xigante, non poderán. O saneamento sae a 10.000 ou 15.000 euros por casa no rural. Iso é así e hai que dicilo. Polo tanto, no rural estanse a gastar cartos.

Que obras lle pide á Deputación, á Xunta e ó Estado neste mandato?
Eu me daría cun canto nos dentes se se executara todo o que está demandado. O paseo a Marín por fin se vai facer. É un avance importante. Gustaríanos que se adxudicara o segundo tramo da circunvalación, que se aprobara o tramo ata Barro e que se executara con algo de ritmo o tramo entre Vilaboa e Pontevedra.

Este vai cun atraso importante [as obras tiñan que estar rematadas en febreiro]...
Non sei cales son os prazos, pero dá unha sensación de certo atraso. Nos gustaría tamén que se fi xera a variante de Alba e que se atenderan as alegacións municipais. Non necesitamos catro carrís, nin 80 quilómetros por hora nin ‘scalextrics’. Precisamos unha carretera de dous carrís, cun arcén amplo, para que se alguén quere ir andando ou en bicicleta poida facelo con seguridade.

A Xunta cumpre con Pontevedra?
Dentro de certa lentitude en certas cousas. Ultimamente está a cumprir, si. Non vou dicir que non. Acabamos de inaugurar o edificio de Benito Corbal, que estivo moito tempo parado, pero que ó final se fi xo. Os xulgados están feitos e a variante de Alba, a ver. Eu agardo que saia, que atendan as alegacións e se faga unha cousa decente. O tema da estación de autobuses está en marcha, igual que o hospital, que todos queremos que
vaia máis rápido. Pero as tramitacións son inevitables. Eu espero que a Xunta atenda as peticións razoables da xente que vive alí, que terá que buscarse unha alternativa. Esta (a do Gran Montecelo) é unha obra de interese xeral, polo tanto deberáselles pagar como é debido. Se están a facer cousas. Incluso co (futuro) pavillón da Parda, que o retraso é noso. Podería estar máis avanzado, de feito a Xunta tiña metido cartos nos orzamentos, pero a obra é moi complexa e non puidemos cumprir aínda con esa adxudicación.

Cando o alcalde de Pontevedra e o presidente da Xunta falan, as cousas van mellor para a cidade.
Eu falei sempre, eh! En todos os inicios dos mandatos falei co presidente da Xunta. Fóra quen fóra. Agora hai unha maior capacidade de escoitar. E me supoño que terá moito que ver cos efectos negativos a nivel partidario de non facer cousas aquí. Houbo un intento de afogar a Pontevedra e ese intento non deu resultado. Polo tanto foise por outro camiño: o do entendemento e o da lealdade. É certo que faltan por resolver algunhas cuestións, como o da CRTVG. Somos a sexta cidade de Galicia e a televisión pública ten que ter unha visión positiva desta cidade e ten que ter delegación aquí. Eu co presidente me entendo porque é un señor que leva moitos anos en política. Coma min. (Feijóo) Sabe que hai que atender e entender as cousas razoables. E colaborando. Porque cando non hai colaboración se fan cousas que ‘nin chicha nin limoná’.

Que pasa co saneamento da ría e co dragado do Lérez?
O problema da depuradora, ademais de que ten unha tecnoloxía obsoleta, é que lle chega máis auga da que lle ten que chegar porque non se está facendo a separativa. Nós estamos facendo un esforzo bestial nisto.

Di a Xunta que cando o vello emisario submarino quede fóra de servizo pasará a mans do Concello...
Eu non entendo por que vai haber dous emisarios. Un din que é para Ence. Eu non o sei. 

A concelleira Carme da Silva (BNG) asegurou que se a Xunta lle traspasa o emisario ó Concello, se lle pechará a billa a Ence.
(Risas) Non sei. Eu o que digo é que hai que depurar as augas residuais. O maior problema que teñen as augas de residuais de Pontevedra é o aporte de pluviais, especialmente dos concellos de Marín e Poio e do Porto. Non é do concello de Pontevedra. E así llo transmitimos á Xunta hai moito tempo: invistan en separativas nestes concellos. Así non haberá problemas.

Pero vostede está de acordo con que se lle peche a billa a Ence cando o novo emisario entre en servizo e o vello pase a mans municipais?
Eu estou de acordo en que Ence se marche de aí. Iso xa o dixen e direino eternamente. Xa me poden poñer como queiran. Eu son comprensivo cos traballadores. Enténdoos. Pero hai que buscar alternativas. E iso non ten que ser en contra do medio ambiente nin da recuperación da ría. Temos os mesmos dereitos que calquera outra cidade a deslocalizar empresas e que os organismos competentes busquen as alternativas onde as teñan que buscar. 

Faille falta a Pontevedra outro polígono industrial?
Nós entendemos o polígono industrial da Reigosa e o de Barro-Meis como se fose de Pontevedra. Que máis dá que estea nun ou noutro concello? Eu creo que hai que buscar unha alternativa ó porto seco. Tarde ou cedo. Nós, cando fixemos un avance do novo planeamento (PXOM), puxemos o polígono en Leborei porque ten tren. Resolvíao todo. Habería 500.000 metros para empresas que terían que estar ó lado do Porto, con conexión ferroviaria. Nós propuxemos a ampliación do Campiño hacia abaixo. E non hai ningún informe positivo da Xunta. Dixeron que estaban mal colocados porque había eucaliptos.

Unha das protestas máis recorrentes na cidade son os aparcamentos. Crearanse máis parkings públicos? Hai prazas suficientes para aparcar?
O Concello non ten a obriga de ter unha praza de aparcamento para cada señor que compra un coche. (...) Hai moitas prazas para aparcar. E a maior parte son libres. Arredor da cidade e fóra das zonas de aparcamentos de servizos hai 8.500 prazas de aparcamento, dende Beiramar ata a Praza de Galicia, que está no centro da cidade.

O paso de vehículos de servizos aumentou na cidade. Supón iso un problema? Plantéxase algún tipo de regulamento con horarios?
Eu o que non vou a impedir é que a xente traballe. Algún dixo que eramos a cidade sen coches. Non é verdade. Somos a cidade cos coches necesarios. Nesta cidade non hai ruído nin contaminación. Tampouco accidentes graves. Os coches son instrumentos imprescindibles. As prazas de servizos son unha idea espléndida. Funcionan perfectamente porque permiten que un número determinado de coches, que non son moitos, poidan facer servizos e dar dinamismo á cidade.

Aumentarase o límite das zonas de servizo de 15 a 30 minutos?
Non o teño claro. Se vas facer un servizo non precisas media hora. Que é un servizo? Levar un edredón a limpar? Ir a buscar unha compra pesada? Levar a unha persoa con discapacidade? Para iso canto tempo necesitas? Se vas a estar media hora, non é un servizo, é un aparcamento.

Que me di das queixas do lixo? Está a funcionar o servizo como debera?
Dixemos vinte veces que estamos nunha fase de novo contrato. E que este contrato está acabado e obsoleto. Xa foi malo dende o principio. É moi difícil, en momentos de moita afluencia, dar un servizo pranchado. Se non fora así non estariamos facendo un contrato novo. Estamos facendo os deberes para que ese contrato mellore porque a cidade creceu, como o fi xeron os eventos festivos, as rúas urbanas e a esixencia de limpeza por parte da xente. Tamén creceu o volume de lixo. Eu teño visto, algunha vez, a algunha xente, verquer restos de comida sen bolsa nos contedores. Iso temos que controlalo. Porque despois cheira. 

Freou o Concello unha folga de lixo este verán?
Non teño nin idea. Que eu saiba, non. Estamos traballando e elaborando ese novo prego, que ten certa complexidade porque temos que cambiar o sistema de recollida e incorporar a compostaxe. É unha prioridade para nós. 

Nese contrato hai que encaixar a compostaxe e a futura planta da Canicouva? Que pasa con ela? A que se debe o atraso neste proxecto?
Da planta da Canicouva temos o máis importante: un terreo onde ubicala. E iso é ‘la leche’, dada a conflitividade real ou ficticia que sempre xera este tipo de cousas.

O Concello paga dende 2015 un alugueiro sen utilizar eses terreos...
Pero está ben pagado. Igual que estamos investindo en parques forestais e no Monte Vivo, iso (o alugueiro) é para unha Comunidade de Montes que o revirte na mellora do monte. Vinte mil euros son ‘peccata minuta’. O que non o é ‘peccata minuta’ é facer unha planta e non ter onde poñela. 

Cando se van instalar máis composteiros nos barrios?
Cando haxa demanda e anuencia para facelo. 

O sistema aínda non é obrigatorio. Depende da colaboración cidadá.
A todo o mundo se lle enche a boca co medio ambiente, pero iso hai que refl ictilo despois nos servizos. E iso require que a xente saiba que o que está facendo é bo para o planeta. Ten que haber información e colaboración. O único que lamento de todo isto é que haxa forzas políticas, que son partidos de orden e serios, que se suban ós composteiros para destruílos. Iso paréceme grave. Para algúns, a xente que fai iso (Rafa Domínguez, do PP, na campaña das municipais) é unha referencia porque o vota ou polo que sexa.

Que lle diría vostede a un veciño que non quere compostar?
Incluso os máis reticentes están compostando. A xente ten que colaborar. Eu non podo ir á casa de ninguén a buscarlle o lixo nin a separarllo. Iso teno que facer a xente.

Comentarios