A Estrada escanciará 5.000 litros de sidra na súa festa o próximo 8 de xuño

O Grolo de Ouro entregare á Escola Politécnica de Enxeñaría Superior de Lugo

O alcalde e os sidreiros presentaron este venres a festa. PATRI FIGUEIRAS
photo_camera O alcalde e os sidreiros presentaron este venres a festa. PATRI FIGUEIRAS

O concello da Estrada escanciará 5.000 litros de sidra na festa homónima que terá lugar o próximo sábado 8 de xuño na Praza do Concello. A produción de mazás estradenses sitúase como a maior de Europa, cun volume de máis de dous millóns de quilogramos recollidos esta tempada, e superando o millón e medio do ano anterior, segundo indicou onte o alcalde, José López Campos.

"O produto é o factor determinante e diferenciador que consegue que cada vez máis clientes fixen os ollos nas mazás estradenses, cultivadas de maneira ecolóxica case na súa totalidade", explica o Concello. Así, por esa razón "non haberá na Estrada ningún produtor que se vaia a quedar cun quilo de mazás sen vender", segundo apuntou o representante da Sidrería Ribela, Jesús Armentero.

Tanto López como os sidreiros locais convidaron á veciñanza a acudir á Festa da Sidra e instaron aos asistentes a adquirir o vaso propio do evento, empregado para degustar o produto, "xa que esa é a forma de axudar a conservar e manter esta festa" segundo o alcalde.

A adquisición do vaso, a un prezo de cinco euros, é un dos piares fundamentais sobre os que se sustenta a festa, xunto coa colaboración dos patrocinadores (Seguros Helvetia contribúe coa achega de 3.500 vasos) e a da institución local.

Por outra banda, este ano o Grolo de Ouro entregarase á Escola Politécnica de Enxeñaría Superior de Lugo, pola súa implicación e colaboración co sector sidreiro da Estrada e o departamento de I+D orientado á experimentación con novos sabores e variedades.

Comentarios