Un equipo que ten estreas sen cor granate

A derrota do sábado pasado contra o Unuinistas é a oitava do Pontevedra nun primeiro partido de Liga do século XXI. A última vitoria nun arranque de Segunda B foi na liga 2007-08

Os xogadores do Guijuelo celebran a súa vitoria en Pasarón na primeira xornada da tempada 2015-16. RAFA FARIÑA
photo_camera Os xogadores do Guijuelo celebran a súa vitoria en Pasarón na primeira xornada da tempada 2015-16. RAFA FARIÑA

O decepcionante debut do Pontevedra o sábado pasado contra o Unionistas non é unha excepción na traxectoria recente do conxunto granate na Liga de Segunda B.

O equipo pontevedrés adoita ter moitos problemas nos seus inicios ligueiros dos últimos tempos. Así o demostran os datos: nos 19 comezos de Liga que leva acometidos o cadro de Pasarón no que vai de século, perdeu en oito. A última vez que principou unha temporada gañando foi na campaña do ascenso á súa actual categoría, a 2014-15, hai catro anos. Desde que retornou á competición de bronce non conseguíu os tres puntos.

Marcador da primeira xornada do Pontevedra no século XXI.​Para atopar un triunfo dos lerezanos nese primeiro enfrontamento do curso hai que viaxar atrás no tempo máis de dez anos. Ocorreu no exercicio 2007-08. O bloque que daquela dirixía Xabi Gracia levou os tres puntos en Fuenlabrada (2-4). Foi a vez que máis dianas materializou o once da cidade do Lérez. Aquel triunfo tivera un gran protagonista, Igor de Souza, autor dun hat-trick.

O curioso é que aquel encontro fora moi malo, pero o equipo pontevedrés fora quen de maquillar as sensacións co resultado grazas ao seu acerto cara á portería.

Algo parecido pasara un ano antes, cando o Pontevedra comezara vencendo por 1-2 contra o Racing de Ferrol "nun dos peores derbis que se lembran", segundo explicaba a crónica de César Méndez para Diario de Pontevedra.

Na campaña 2003-04, o Pontevedra tamén vencera, igualmente nun duelo de escaso brillo contra o extinto CD Ourense. Manu Busto e Xaco foran os autores dos goles. O outro triunfo da centuria nunha primeira xornada da Segunda B foi na campaña 2001-02, no Couto, tamén contra o Ourense (0-2). Daquela o Pontevedra si ofrecera unha excelente imaxe.

TERCEIRA. Ademais das catro vitorias nos inicios de Segunda B, o Pontevedra obtivo dúas máis nos de Terceira, contra o Bouzas na Liga 2012-13 (0-1, mercede a unha xenialidade de Santi Dominguez) e contra o Ordes na 2014-15 (mediante un penalti de Jorge Rodríguez).

En total, seis triunfos en 19 comezos, oito derrotas e cinco empates (tres sen goles e dous por 1-1). A última vez que o Pontevedra puntuou foi cunha desas igualadas, en Guijuelo, hai dúas campañas (tanto de Mateu Ferrer).

Outro dato reflicte as dificultades que ten o Pontevedra nos seus principios: os goles marcados. En nove dos 19 envites o cadro de Pasarón quedou sen marcar, en cinco ocasións conseguíu un gol só e nas catro restantes meteu dous ou máis.

A derrota contra o Unionistas non fixo outra cousa que manter ao Pontevedra fiel á súa tradición do século XXI.

Comentarios