Opinión

Eu son de Moraña

TODA A MIÑA vida presumín ser de Moraña e toda a miña vida tiven que explicar que Moraña nin tiña mar nin estaba fronte a Vigo. Unha das pequenas desgrazas que ten nacer nun sitio pequeno coma este é ter que facer de cote unha explicación sobre os datos de contexto, como dicir que está ao carón de Caldas e Cuntis, que somos os pioneiros nas festas gastronómicas co noso Carneiro ao Espeto, que temos unha romaría das máis importantes de Galicia coma os Milagres de Amil e que temos un patrimonio histórico e artístico único, encabezado por quizais o menhir mellor conservado de Galicia.

Moraña é un sitio tranquilo, onde os problemas máis graves resólvense cunha parrafada na taberna. Temos xente famosa, coma Luis Emilio Batallán, que tamén presume de morañés, pero poucas veces Moraña é a protagonista de noticias nin rexionais, nin moito menos nacionais.

Pero o xoves pasado todo cambiou. Dous acontecementos provocaron que toda España soubera onde estaba Moraña. A condena ao xa coñecido como "Asasino de Moraña" era un feito polo que levabamos esperando dous longos, amargos e terribles anos. Despois da morte das dúas nenas, só nos quedaba saber se o asasino ía ser condenado á condena máis severa posible. Por sorte, cumpríronse todos os pronósticos e este home foi condenado, dun xeito sorprendentemente rápido, á cadea perpetua revisable. Falando con bos amigos que levan décadas facendo crónicas xudiciais, confirmáronme que este xuízo tivo dúas novidades que raras veces se dan. A primeira, é que a condena non sorprende a ninguén e todo o mundo estivo conforme. A segunda, é que a tensión na sala era tan alta polos delitos que se estaban xulgando que ata o mesmo fiscal se botou a chorar, algo que na miña opinión o honra porque é unha proba clara de que na xustiza tamén hai corazón. Foi un dos poucos casos, ademais, onde a presidenta do tribunal leu a sentenza inmediatamente despois do veredicto do xurado, o que tamén é mostra da claridade das probas.

A mala fortuna fixo que esta sentenza coincidira no tempo coa resolución xudicial doutro caso, infinitamente menos grave, no que se condena a un ex-concelleiro por insultar á presidenta da Deputación de Pontevedra no seu Facebook.

Nestes feitos hai varios graos de damnificados. Por suposto, o máis grave é o das vítimas e as súas familias, pero tamén quedamos afectados cada un dos 4.000 veciños e veciñas que non podemos evitar sufrir as malas decisións, horrendas e tráxicas no caso do asasinato das nenas, que un día a unha hora tiveron dúas persoas concretas.

Non nos queda máis remedio que sufrir unha parte da famosa "pena de telediario", que nos sitúa nun escenario de exposición pública elevada nun momento no que o estamos a pasar mal. Nestes casos, só o tempo é capaz de curar estas feridas e pouco podemos facer máis que reivindicar a boa xente que vive nun territorio no que se cebou a fatalidade. Por iso, máis ca nunca, debo reivindicar que eu son de Moraña.

Comentarios