Blog | Ventureiras

Eu vou á folga

Disque non temos referentes de mulleres que lideran proxectos? Vaia se os temos

Participantes en la multitudinaria movilización que se de desarrolló en Pontevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera Participantes en la multitudinaria movilización que se de desarrolló en Pontevedra. RAFA FARIÑA

A miña tataravoa empeñouse para volver da Arxentina cando deportaron ao meu tataravó tuberculoso. Chegou a Galicia para enterralo, sacou adiante a unha filla e construíu un fogar nunha corte. A miña bisavoa foi o sustento da familia durante os sete anos que o meu bisavó estivo agochado por negarse a ir á fronte cos falanxistas. A miña avoa quixo ser auxiliar de enfermería pero seu pai non a deixou. Logo quixo sacar o carné de conducir pero, do novo, os homes decidiron por ela que había cousas mellores nas que gastar os cartos.

Nos tempos nos que noutras latitudes se falaba de revolción sexual, subía e baixaba escaleiras innumerables veces cada día para facer o xantar na planta de arriba e atender á tenda de ultramarinos que tiña no baixo. Ás fins de semana traballaba as veigas e xuntaba cartos para que as súas fillas estudasen e tivesen a independencia económica que ela non tivo. E conseguiuno malia os comentarios machistas de seu pai. "Tanto estudar para acabar entre as pernas dun home", dicía. Miña nai puido estudar na universidade e ter un traballo co que miña avoa nin sequera tería soñado na vida. Disque non temos referentes de mulleres que lideran proxectos? Vaia se os temos.

As mozas de hoxe en día vimos dunha estirpe de mulleres que loitaron pola igualdade sen nin sequera saber que significaba a palabra feminismo. "Ten de teu", recórdame aínda agora a miña avoa Carme. Dora a Desbrozadora, que Luís Davila puxo a segar o machismo no cartel que elaborou con motivo do 8 de marzo para o Concello de Pontevedra, é calquera das nosas avoas, mesmo as que non se ven representadas no movemento feminista.

As nosas antepasadas fixeron o camiño para que hoxe esteamos aquí e cobrar menos que un home polo mesmo traballo nos pareza inasumible. Porén, a fenda salarial é unha realidade, ao igual que a violencia machista, os feminicidios e a opresión estrutural contra a metade da poboación. Por iso, eu débolle á miña avoa esta folga. O venres estarei nas rúas reivindicando o noso dereito á igualdade, berrando que non estamos todas. Terei na miña cabeza ás miñas irmás migrantes, que coidan da nosa poboación anciá moitas veces sen dereitos laborais e tratarei de imaxinar a angustia de verse abocada á prostitución porque os puteros seguen a pagar por ter sexo -por violar- con mulleres que non os desexan.

O feminismo de verdade empeza dende abaixo e transforma o mundo. Temos que falar do teito de cristal pero non podemos esquecer o solo pegañento. A folga é precisa porque a desigualdade estrutural non se soluciona con entradas gratis para entrar nun estadio de fútbol a ver como xogan os homes. Chamarlle igualdade a nacer nun entorno privilexiado e chegar a ser directiva é pecar de miopía. Por iso penso que rachou máis teitos de cristal a miña avoa botando millo que moitas deputadas que non son feministas, senón "normais".

Racharon máis teitos de cristal as avoas que as deputadas 'normais'

Sinto a responsabilidade de sumarme á folga de mañá malia os comentarios condescendentes, mesmo burlóns, dos homes que me preguntan se isto da folga vai ser así todos os anos. Danme igual os que nos chaman sectarias, os que pensan que coa folga non imos conseguir nada, os que o ano pasado o parón lles parecía absurdo e ao día seguinte se subiron ao carro do feminismo (benvidos sexan). Farteime de explicarlle o que queremos a quen non quere entendernos e, aínda así, cada día estou máis convencida de que esta loita é a máis xusta que libraremos nunca.

Teño a certeza de que non estou soa porque milleiros, millóns, de amigas están convencidas de que o futuro será feminista ou non será. Somos maioría e non hai marcha atrás. Ensináronnolo as nosas antepasadas: a nosa revolta é imparable. Este 8 de marzo vémonos nas rúas. Debémosllo ás nosas avoas.

Comentarios