A exposición das mulleres do mar achégase á cidade grazas á Semana da Innovación

Búscase pór en valor un traballo "moitas veces invisible" ▶Aida Fernández e Ángeles Alvariño completan a iniciativa

Morquecho e Lires na inauguración da mostra. CEDIDA
photo_camera Morquecho e Lires na inauguración da mostra. CEDIDA

A Semana Internacional da Creatividade e da Innovación, impulsada pola Vicerreitoría do campus ao abeiro do proxecto de especialización Crea S2i, deu comezo este luns coa apertura da exposición Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar (na Casa das Campás ata o 21 de maio), primeiro acto dun programa que aglutina conferencias, actividades culturais, obradoiros e sesións de traballo dirixidas ao persoal docente e investigador, segundo informou a UVigo.

Comisariada pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte María Álvarez Lires, a exposición chega a este espazo tras pasar polos tres campus. "A idea de traela de volta aquí é a de achegala á cidade", sinalou Álvarez Lires sobre unha mostra que reúne nos seus diferentes paneis unha escolma de 40 fotografías, que abranguen desde as primeiras décadas do pasado século á actualidade, co propósito de pór en valor o traballo, "moitas veces invisible", desenvolvido polas mulleres en diferentes sectores e actividades vinculadas ao mar.

Traballadoras da salga e da conserva, mariscadoras ou vendedoras de peixe protagonizan unha exposición que presenta un bo número de fotografías inéditas e que se completa con dous paneis dedicados ás oceanógrafas Aida Fernández Ríos e Ángeles Alvariño e que o grupo de investigación da Área de Didáctica das Ciencias Experimentais desenvolveu xunto cunha web con diferentes recursos, "que continuamos ampliando con novos materiais".

Comentarios