Opinión

Fama intestinal

A TODOS nos gusta ter un amigo famoso. Todos presumimos de tomar uns chiquitos cun tipo que sae na tele e todos estamos encantados de facernos unha foto ao carón da rapaza que fai películas. É certo que os medios de comunicación tendemos a explotar máis a fama dos que saen na televisión, nas revistas e no cine, e poucas veces coincide que un rapaz pare na rúa a un premio Nóbel para facerse un selfie.

A chegada de tecnoloxías, como a fotografía no móbil e as redes sociais, permitiu atopar ferramentas que nos facilitan o traballo de presumir de famosos. Se antes era imprescindible ir dous para retratarte ao lado dunha estrela, agora todo se resolve coa cámara frontal do teléfono. Se antes nos faciamos unha foto, o máximo que poderíamos facer era pegala de primeira paxina no álbum de fotos ou enmarcala para ensinarlla ás visitas. Se lograba colgala nas paredes dun restaurante, garantía que os centos de persoas que entraban pola porta saberían que "Julio Iglesias estuvo aquí". Pero a cousa non pasaba do ámbito máis ou menos íntimo. Só se superaba esta fronteira cando lle mandabamos un vídeo a "Vídeos de primera" e tiñamos a fortuna de que miles de persoas viran como nos estampabamos co patinete contra unha parede.

Sen embargo, exhibir a amizade cun famoso acadou cotas insospeitadas cando se publica no Twitter, no Facebook ou en calquera outra rede. É mais, chegamos a un punto no que podemos chegar a ser famosos simplemente por compartir as nosas intimidades domésticas co resto do mundo. A sociedade en xeral, foi quen de asumir unha baixada importante das cotas de intimidade, exhibindo actitudes que ata hai poucos anos eran escondidas. Falo de presumir de fotos tomadas nas borracheiras, de estar espido na praia, de dar malleiras, de ir a 200 pola estrada ... E o peor de todo, ese tipo de documentos acaban sendo, en moitas ocasións, comentados e distribuídos por miles de persoas que só buscan a burla ou a satisfacción dos sentimentos máis escuros que temos todos.

Hai uns días, un tribunal dos Estados Unidos condenou a un pai e a unha nai de maltrato infantil por provocar pelexas entre os seus fillos de cinco anos, gravalas en vídeo, subilas a Youtube e gañar cartos das empresas que se anunciaban na súa páxina. Curiosamente, a carga informativa do suceso estaba en definir a estas personaxes como malos pais por gañar cartos cos seus fillos, cando o que a min me parece especialmente grave é provocar agresión entre dous nenos só para satisfacer o morbo da loita, que miles de persoas opten por ver isto sen o menor reparo e que centos de anunciantes non teñan escrúpulos en pagar por asociarse a este inferno.

Teño claro que o menos importante nestes casos é se se gaña ou se perden cartos, senón na falta de ética dos que estamos encargados de formar e educar ás novas xeracións. Dificilmente podemos esperar algo dun neno que pasa polo trauma diario de vivir as humillacións provocadas polas persoas que máis quere.

Comentarios